Desde Agadic:
“ButacaZero e o Centro Dramático Galego (CDG) presentaron en Santiago a estrea da súa coprodución #camiños, que terá lugar este xoves no Salón Teatro. O espectáculo poderá verse ata o domingo 28 na sede da compañía da Xunta, onde o equipo ultima a posta en escena desde o día 15 dentro do programa En Residencia do CDG.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, e o director de #camiños, Xavier Castiñeira, interviñeron nesta presentación, durante a que parte do elenco ofreceron varios fragmentos da montaxe, con dramaturxia de Esther F. Carrodeguas.
Na súa intervención, Sutil incidiu na relevancia da liña de coproducións que a Agadic vén desenvolvendo a través do CDG co fin de “posibilitar unha maior capacidade de todas as nosas estruturas teatrais” e dentro do que –explicou– se insiren tamén títulos como Elisa e Marcela, de A Panadaría, ou os próximos proxectos de Pistacatro (Arnoia, Arnoia) e Pablo Fidalgo (Anarquías). “Estamos a falar dun incremento de actividade medible non só en termos económicos, como xeito de fortalecer financiamentos, senón tamén na optimización de recursos públicos que se poñen ao servizo das compañías privadas”, continuou o director da Agadic. (…)
A memoria do pobo galego
#camiñosé unha peza de teatro físico, poético e político coa que ButacaZero pecha unha triloxía sobre a memoria da que tamén forman parte as xa estreadas Voaxa e Carmín, que abordaba a memoria histórica, e Na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], a memoria individual. A que é a terceira montaxe desta nova compañía, creada en 2016, volve estar encabezada polo tándem Carrodeguas-Castiñeiras para levar ás táboas a memoria do pobo galego nunha proposta que xorde a partir dunha investigación sobre a multitude de aldeas abandonadas en Galicia.
O espectáculo analiza como ve a xeración dos millennials as súas raíces e reflexiona sobre o que queda do noso pasado e da nosa tradición no día a día, botando man de moi diferentes rexistros escénicos, como coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela ou audiovisuais, entre outros.
Cinco actrices serán as encargadas de poñela en escena (ademais de Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Celina Fernández Ponte, Pía Nicoletti e Noa Covelo), para o que contan co vestiario ideado pola compañía e por Diego Valeiras, a iluminación de Javi Quintana, os audiovisuais de Fran X. Rodríguez e a escenografía de Xavier Castiñeira.
Venda de entradas e horarios
A venda anticipada das entradas para asistir a #camiños en Santiago está xa activada no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Os días de función poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo, programado para as 20,30 h. de xoves a sábado e para as 18,00 o domingo, día do espectador no Salón Teatro.
Como acción promocional, ás 20,00 h. de mañá a balconada do Salón Teatro será o escenario dunha performance de As Churrascas, o grupo musical nacido para esta peza e composto polas súas cinco actrices, que cantan e bailan a Rosalía de Castro sobre base electrónica.
A montaxe poderá verse a continuación no Teatro Colón da Coruña e na Sala Ártika de Vigo, como inicio da súa xira por distintos espazos galegos.”