Discurso no acto de entrega do II Premio de Relatos Curtos O Cabaleiro das Cunchas da Vila de Bouzas, por Elena Gallego Abad
“Quixera que as miñas primeiras verbas fosen de agradecemento. Ao xurado deste II Premio de Relatos Curtos O Cabaleiro das Cunchas da Vila de Bouzas por concederme esta distinción e, sobre todo, á directiva da Irmandade de Donas e Cabaleiros de Bouzas por organizar o concurso.
Entendo que a convocatoria dun premio coma este, máis que distinguir un autor ou autora concreto nun momento determinado, como acontece arestora, persegue animar a creación literaria en torno a un mito, unha lenda a do Cabaleiro das Cunchas, intimamente vencellada á tradición xacobea e ao lugar en que nos atopamos. Só se conservamos e potenciamos a nosa historia, as nosas lendas e tradicións, conservaremos a nosa identidade e seremos auténticos.
Os meus parabéns por esta fermosa aposta. O tempo demostrará que, máis alá do nome dos escritores e escritoras que poidamos resultar gañadores ano tras ano, serán os propios relatos que xurdan deste concurso os que o convertan nun certame memorable.
Un autor tan recoñecido como o xaponés Haruki Murakami di, falando de grandes premios literarios, que o tempo fai que se esquezan os nomes dos escritores que os acadan. Pero se as súas obras teñen calidade e cobran vida propia, poden perdurar no tempo.
Ninguén sabe quen deu orixe ao primeiro relato do Cabaleiro das Cunchas, que a tradición se encargou de manter vivo ata os nosos días. Agardo eu a mesma sorte, unha longa vida literaria para os personaxes desta historia que hoxe premian neste acto, e que eu titulei A promesa.
Non pensen vostedes que para min a creación do universo de Lopo de Bouzas, que enche as oito páxinas do relato, deixou de ser un reto importante.
Quixen ser fiel á tradición e recrear a lenda, explicar o feito milagroso polo que a cuncha de vieira se converteu no principal símbolo xacobeo e trasladar a Bouzas uns sucesos que hoxe xustifican a existencia, por exemplo, dunha ruta marítima ata Compostela… Ou a propia presenza dun cabaleiro coa capa cuberta de cunchas de vieira, esculpido nunha das fachadas da catedral de Santiago.
Nestas páxinas quixen crear unha atmosfera que engaiolase ao lector, transportalo con descricións e diálogos áxiles ata un tempo afastado en que os cabaleiros celebraban torneos e as ondas do noso mar se abrían para permitir feitos marabillosos. Estas páxinas permitíronme recrear milagres coma o do Cabaleiro das Cunchas… E así recibir este recoñecemento.
Non quero estenderme máis. Para rematar, expresar de novo o meu sincero agradecemento por este premio, desexando que os meus personaxes, como a Irmandade de Donas e Cabaleiros de Bouzas, teñan unha longa vida. Moitas grazas.”