Premios concedidos no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo 2023


“O pasado 5 de maio celebrouse a cerimonia de entrega de premios do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo.
O xurado, composto por Ana Cabaleiro López (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Esperanza Luz Mariño Davila (representante da Asociación Galega da Crítica), José Ignacio Silva Regueira (primeiro premio na 31ª edición) e Alfredo Ferreiro (director literario do Certame, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por maioría conceder os seguintes premios:
O primeiro premio para Sinfonía a 3 voces sobre unha cidade a tumba aberta, presentada baixo o lema “Unha historia posible” e con autoría de D. Roberto Rodríguez González (no seu nome recolleu o premio por causas xustificadas D. Anxo Sánchez), que contou coa seguinte dotación: 4.000€ e a edición da obra;
O segundo premio para Levidade, presentada baixo o lema “Etérea” e con autoría de D. Agustín Agra Barreiro, que contou coa seguinte dotación: 2000€ e a edición da obra;
O terceiro premio para Endodoncias, presentada baixo o lema “Paki” e con autoría de Dna. Inmaculada Núñez Núñez, que contou coa seguinte dotación: 1000€ e a edición da obra.
Os premios, elixidos entre 55 concorrentes, coñecéronse durante unha cerimonia que presentou Alfredo Ferreiro e contou coa arte musical de Mónica de Nut (acompañada de Luís Martíns) á volta do seu último traballo Raíces aéreas. O arranxo floral do escenario, acorde coa temática do disco da artista, foi responsabilidade do decorador florista Richar del Toro. (…)”

Celebrada a entrega de premios do 31º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía

Arteixo: acto de entrega do 31º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía

“Reunido o xurado, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 20 de maio, venres, ás 20:30 no Centro Cívico do Concello de Arteixo.
O xurado, reunido o 13 de abril de 2022 ás 13 horas mediante conexión telemática, e composto por Dona Antía Yáñez Rodríguez (nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Dona María López Sández (nomeada pola Asociación Galega da Crítica), Dona María Aránzazu Portabales Santomé (gañadora do 30º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía) e Don Alfredo J. Ferreiro Salgueiro, (director literario do Certame, que como secretario asiste ás deliberacións con voz e sen voto), decidiu por unanimidade premiar as seguintes obras finalistas (que aquí figuran por orde alfabética):
En directo, de Natalia Alonso Ramos
O rubor da dignidade, de José Ignacio Silva Regueira
Somos Adán e nada somos – Le temps, mon ami, le temps!, de Francisco Rozados Rivas
Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000€ e a edición da obra para o primeiro, 2000€ e a edición da obra para o segundo e 1000€ e a edición da obra para o terceiro.
O acto de entrega ofrecerá ademais outros alicientes para todos os asistentes: o libro, editado para a ocasión, A garza en chamas, consistente na publicación dos nove relatos finalistas das últimas tres edicións do Certame, e a actuación musical de Belém Tajes.
O evento incluirá ademais unha lembranza da figura de Florencio Manuel Delgado Gurriarán, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Finalizado o acto, o Concello ofrecerá aos asistentes un viño de honra.”

José Ignacio Silva Regueira gañador do IIº Premio de Micronovela concello de Soutomaior

José Ignacio Silva Regueira resultou gañador do IIº premio de Micronovela concello de Soutomaior pola obra Escintileos, presentada baixo o lema «Trifón 1». Nacido en Carballo en 1978, Ignacio Silva é licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña. José Ignacio Silva Regueira recibirá este IIº Premio de micronovela do concello de Soutomaior, dotado con 3.000 euros, o próximo sábado, 19 de decembro, nun acto que terá lugar ás 12:00 horas no concello de Soutomaior. A obra de José Ignacio Silva Regueira, Escintileos, será publicada na colección Xerais Narrativa a vindeira primavera.

Noticia recollida do blog de Xerais