Arquivos da etiqueta: Lolo Castro
A compañía A Feroz regresa ao Salón Teatro de Santiago esta fin de semana para celebrar a súa Afterparty
Desde Agadic:
“A Feroz regresa esta fin de semana ao Salón Teatro de Santiago con Afterparty, espectáculo de debut desta nova compañía galega que foi estreado o ano pasado neste mesmo escenario dentro do programa de residencias artísticas do Centro Dramático Galego. O público compostelán terá agora dúas novas oportunidades de ver esta proposta, escrita e dirixida por Lorena Conde, nas funcións de mañá sábado, ás 21:00 h., e do domingo, ás 19:30 h.
Este colectivo artístico botou a andar hai pouco máis dun ano para, nas súas propias palabras, transcender as barreiras persoais e poñer en común sobre o escenario as preguntas que comparten como xeración, ademais de todas as posibles respostas. Así xurdiu tamén Afterparty, peza que fala da decepción, do empeño na felicidade e da procura de respostas por parte desa xeración que chegou tarde a todo. A Feroz defínea como “relato emocional no que reina o espírito do lixo, do exceso posmoderno”.
O resultado é un “artefacto escénico” no que a letra, a música, o espazo e o movemento corporal foron desenvolvéndose á vez durante un proceso de creación interdiciplinar. Inés Salvado, Beatriz Romero, Gustavo Freire e Lolo Castro son os encargados de lle dar vida ao espectáculo, para o que esta fin de semana contarán coas achegas de varios colaboradores sorpresa.
Para levalo ás táboas, contaron ademais coa escenografía de Álvaro G. Mallo e Cecilia Castro, o espazo sonoro de Manuel Abraldes, a fotografía de Tamara de la Fuente e a produción de Beatriz Romero.
A venda de entradas para estas dúas funcións xa está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu importe é de 10 euros, cos descontos habituais, para o sábado, e de 5 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador no Salón Teatro.”