Desde Fervenzas Literarias:
“A ilustradora cidaderrealeña Patricia Román Ortega foi o gañadora da XII edición do premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil, que convoca a Deputación de Ourense co obxectivo de recoñecer a calidade literaria e artística de traballos creados para nenos e xente nova, fomentar a lectura entre este público e poñer en valor a figura das escritoras ourensás Pura e Dora Vázquez.
O xurado recoñeceu da obra premiada “a orixinalidade das ilustracións, que se adaptan moi ben ao texto premiado na modalidade literaria e axudan a narrar a historia”, ademais de destacar a técnica empregada para a realización das ilustracións e a calidade do conxunto da obra.
O xurado -que adoptou por unanimidade a súa decisión-, estivo presidido polo deputado de Cultura da Deputación de Ourense, Avelino García Ferradal, e integrado polos vogais: María Rosa González Méndez, Luis Gulín Iglesias, José Manuel Fernández López e Xosé Manuel Cid Fernández. Como secretaria actuou Ana María Malingre Rodríguez.
Os traballos de ilustración presentados ao certame, de diferentes estilos e temáticas, baseáronse no texto gañador do premio de narración, Bicha, da escritora coruñesa Eli Ríos, unha obra da que o xurado destacou “o atractivo que teñen para o lector os personaxes e a importancia que o relato da á amizade entre nenos e animais, ademais de axeitarse perfectamente para ser ilustrada dentro do espírito do premio”.