“Reunido na cidade da Coruña o sábado día 1 de agosto de 2020 o xurado do 9.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil, convocado por Baía Edicións, composto polas escritoras Marica Campo, que actuou como Presidenta, Ánxela Gracián, gañadora da 8.ª edición en 2018, coa novela As voces da auga, pola profesora e crítica literaria, María Dores Fernández López, polo escritor Pere Tobaruela, gañador, tamén, da 8.ª edición en 2018, coa novela Auga e Lume, e pola directora editorial de Baía Edicións, Belén López Vázquez, que actuou, asemade, como Secretaria, acordou, por unanimidade e con moito pesar, DEIXAR DESERTO o Premio Meiga Moira deste ano 2020.
Esta decisión foi adoptada porque ningún dos vinte orixinais recibidos atende as características para ser merecedor do galardón por unha ou varias das seguintes razóns fundamentais: baixa calidade literaria dos orixinais, descoidado uso da lingua empregada nos textos presentados e/ou por non axustarse ás franxas de idade ás que se destina o premio.”
Arquivos da etiqueta: María Dores Fernández López
A Coruña: presentación de As voces da auga, de Ánxela Gracián
Ánxela Gracián e Pere Tobaruela gañan o 8.º Premio Meiga Moira 2018
Desde Baía Edicións:
“O Xurado, formado por Héctor Cajaraville (gañador do 7.º Premio (2016) coa obra Denébola a Roxa), Andrea Maceiras (gañadora dos 4.º Premio (2010) e 6.º Premio (2014) con Violeta tamurana e Miña querida Sherezade, respectivamente), María Dores Fernández López, profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, e María do Pilar Campo Domínguez (Marica Campo), que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu conceder por unanimidade o 8.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil ex aequo ás obras presentadas baixo os lemas “Mathuo Basho” e “CM”.
Abertas as plicas, as mesmas resultaron corresponder, respectivamente, ás presentadas por Ánxela Gracián, que leva como título As voces da auga (proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos), e por Pere Tobaruela, que leva o título Auga e Lume (proposta tamén para lectoras e lectores a partir de 12 anos).
O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:
«As voces da auga destaca pola calidade de lingua empregada, a orixinalidade da proposta e o intenso labor de recreación dunha sociedade xeográfica e culturalmente tan distante como a chinesa. As voces da auga relata unha historia de supervivencia e de aposta pola vida nun contexto histórico especialmente complexo, máis alá dos convencionalismos».
«En Auga e Lume destaca a axilidade da trama e a súa vinculación coa historia de Galiza e a habelencia na mestura entre novela de aventuras, de misterio e de amor.
O protagonista debe viaxar no tempo para resolver un enigma que se mantivo agochado durante séculos e que chegou intacto aos nosos días».
As obras serán publicadas por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e as autorías repartiranse 2.500 euros cos que está dotado o premio.
Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que vinte e unha alcanzaron a selección final, o que evidencia unha vez máis o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infanto-xuvenil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.”
Héctor Cajaraville Araujo gaña o 7.º Premio Meiga Moira 2016 de Literatura Infantil-Xuvenil convocado por Baía Edicións
“O Xurado, formado polas escritoras Andrea Maceiras (gañadora dos 4.º Premio (2010) e 6.º Premio (2014) coa obras Violeta tamurana e Miña querida Sherezade, respectivamente) e Conchi Regueiro, María Dores Fernández López, profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, a tamén escritora Marica Campo, que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o martes día 11 de outubro de 2016 resolveu conceder por unanimidade o 7.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema “Briolanxa”.
Abertas as plicas, a mesma resultou corresponder a presentada polo escritor compostelán Héctor Cajaraville Araujo, que leva como título Denébola a Roxa e proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos.
O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:
«Denébola a Roxa é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, ambientada no século XVII que relata o desafío dunha muller afouta nun mundo de homes.
A protagonista, Denébola, que comparte nome coa estrela máis brillante da constelación de Leo, loitará pola procura dun destino máis luminoso que o que seu pai elixiu para ela.
Marcada desde o nacemento pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, tentará rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas da súa propia vida».
A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.
Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que catorce alcanzaron a selección final, o que evidencia máis unha vez o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.”
Cambre: acto de entrega do Premio Meiga Moira a Andrea Maceiras, por Miña querida Sherezade
Andrea Maceiras gaña o 6.º Premio Meiga Moira, de 2014
O Xurado, formado polas escritoras Marica Campo e Conchi Regueiro, María Dores Fernández López, profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro, que actuou de Presidente, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o venres día 19 de setembro de 2014, resolveu conceder por unanimidade o 6.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema Sherezade.
Abertas as plicas, a mesma resultou corresponder a presentada pola escritora coruñesa Andrea Maceiras Lafuente, que leva como título Miña querida Sherezade e proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos.
O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:
«É opinión unánime deste xurado que, na referida obra, sobresaen características tan notorias como a dunha excelente estrutura especular e unha non menor fluidez narrativa. As historias d’As mil e unha noites son a base dun texto que xera repetidas e novidosas narracións por volta da ficción e doutras realidades literarias. En resumo, a obra acaba por ser unha exacta e plural homenaxe ao libro e a lectura».
A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.
Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que dez alcanzaron a selección final, o que evidencia máis unha vez o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.”