O Carballiño: presentación de O sabre do francés, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 31 de maio, ás 20:30 horas, no Casino do Carballiño, preséntase O sabre do francés, de Miguel Anxo Fernández, nunha nova edición ampliada e publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Carlos Lema e Saúl Otero.

Miguel Anxo Fernández: “O máis complicado da escrita é dar cun bo arranque que magnetice, que atrape ao lector”

Entrevista a Miguel Anxo Fernández en Tempo de Lecer:
“(…) – Tempo de Lecer (TdL): As súas obras céntranse no ensaio, a historia e a ficción. Son tres ramas moi diferentes entre si? Hai algunha na que se sinta máis cómodo?
– Miguel Anxo Fernández (MAF): Certamente o son, por moito que sexa a palabra a ferramenta común. O ensaio require rigor, investigación, análise. A ficción, imaxinación e gañas de contar unha historia que atraia ao lector. O ensaio é menos agradecido pola súa difusión restrinxida, pero ao tempo moi necesario. Na ficción, confeso que rexeito o modelo de escritor onanista, que semella escribir para si mesmo póndose de costas ao lector. Con isto non reivindico a trapallada, nin moito menos, pero si que haxa comunicación co lector. Agrádame a literatura de xénero porque se pode facer desde a dignidade ao tempo que buscas a complicidade do lector. Non faría distingos, son mundos diferentes. (…)
– TdL: Que pensa cando se senta diante dunha folla en branco antes de comezar un novo proxecto?
– MAF: O tópico di que pánico, pero algo hai diso… Recoñezo que comezo unha historia cando teño un bo remate, e confeso que o máis complicado é dar cun bo arranque, que magnetice, que atrape ao lector e o convide a acompañarme na lectura. Por sorte para o ecosistema, a folla en branco trocouse en pantalla. Hei de anotar tamén que só escribo cando me apetece, e poden pasar meses e semanas ata que regreso a unha historia. O labor de escribir enténdoa como pracenteira, nunca como sufrimento. O meu masoquismo non chega a tal extremo… (…)”

Ribadavia: charla de Miguel Anxo Fernánez sobre Lume de cobiza

O domingo 4 de marzo, ás 13:00 horas, no IES de Ribadavia, terá lugar unha charla ofrecida por Miguel Anxo Fernández sobre o seu último libro, Lume de cobiza, publicada en Galaxia. O acto está enmarcado na na xornada da Asemblea Anual da Asociación Ecolóxica Ridimoas.

Pontevedra: coloquio de Miguel Anxo Fernández arredor da súa obra Lume de cobiza

O venres 20 de xaneiro, ás 10:00 horas, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, terá lugar un encontro de Miguel Anxo Fernández cos alumnos de Comunicación Audiovisual de Pontevedra, para falar sobre a súa novela Lume de cobiza, publicada en Galaxia.