Celanova: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 21 de xullo, ás 20:30 h., na Casa-Museo de Curros Enríquez (Rúa Curros Enríquez, 37) de Celanova, preséntase a novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto estará acompañado por Antonio Piñeiro e Xosé Manoel Rodríguez.

Vigo: actividades do martes 5 na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do martes 5 son as seguintes:
19:30 h. O escritor Manuel Portas fará a presentación do seu libro Un dedo manchado de tinta, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Xunto co autor, participarán no acto Manuel Bragado e o Grupo Loaira.
20:00 h. O escritor Miguel Anxo Fernández asinará exemplares do seu libro Lume de cobiza, publicado por Editorial Galaxia.
20:30 h. O escritor Francisco Castro presentará o seu libro In vino veritas, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e o músico Anxo Pintos.

Ángel de la Cruz dirixirá a adaptación audiovisual das historias do detective Frank Soutelo

“O director Ángel de la Cruz adaptará para as pantallas coa súa produtora Artemática, a novela Lume de cobiza, a recente entrega do detective Frank Soutelo na súa primeira aventura en Galicia, obra do escritor e crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández, editada por Galaxia e actualmente nas librarías. (…) Na presentación da obra en Santiago, proxectouse un teaser do proxecto audiovisual da obra e a presentación da web de Frank Soutelo.” Vía Galaxia.

Santiago: presentación audiovisual de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O mércores 22 de xuño, ás 20:30 horas, no hotel AC Palacio do Carme de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación audiovisual de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto participan, co autor, Ángel de la Cruz e Víctor F. Freixanes.

Miguel Anxo Fernández: “Interésame o antiheroe”

Entrevista a Miguel Anxo Fernández en Galicia Hoxe:
‘”Interésanme os antiheroes. Personaxes como os de Henning Mankell ou Petros Markaris. Hai un tipo de novela negra europea, que agora está tendo moita repercusión polo fenómeno Stieg Larsson. A min Larsson non me interesa, pero creo que o éxito destes autores ten que ver con que levantan acta da parte escura da sociedade”, comentou.
Do mesmo xeito que as novelas anteriores afondaran, desde a ficción, no que agochan as altas esferas da produción de Hollywood -explotación sexual, corrupción, tratos de favor…-, Lume de cobiza achégase ó mundo dos incendios provocados que serven a intereses urbanísticos ou a recualificación de terreos por políticos comprados.
O contexto daquela sorte de especulación adiantaba ademais a crise económica que veu despois, como resultado do xogo co prezo da vivenda. “Procurei, claro, a verosimilitude. Son personaxes moi reais, por exemplo, as súas parentes, como a tía avoa. O que conto é ficción, pero poderiamos atopar na realidade uns cantos construtores como o da novela, o Demoleitor. Soutelo é un tipo queimado, que está de volta, da falta de sinceridade da clase burguesa, que pode encarnar a súa irmá ou os pais do mozo morto. Ese aspecto social está moi presente, si, na novela”, lembrou.’

Ourense: actividades do 1 de xuño na Feira do Libro

Continúa a XXVII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), aberta até o domingo 5 de xuño, con horario de 11:30 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do mércores 1 son as seguintes:
19:30 h. Presentación do libro de poemas visuais O libro dos cans, de Estevo Creus e do libro de poesía As Nosas Sombras no Xardín de Serralves, de Xoán Abeleira, publicados por Franouren Edicións. Xunto cos autores, participarán no acto Xosé Manuel Vélez Latorre, Xosé Manuel Bouzo e o director da editorial Manuel Ángel García Fernández.
20:30 h. Miguel Anxo Fernández asinará exemplares do seu libro Lume de cobiza, publicado en Galaxia.

O Carballiño: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 26 de maio, ás 20:00 h., no Casino do Carballiño (Rúa Tomás María Mosquera, 6), preséntase Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto acompañarán ao autor Carlos Lema, Ángel de la Cruz e Eduardo Galán.

Miguel Anxo Fernández: “Queimar montes para especular vén de vello”

Entrevista a Miguel Anxo Fernández en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): Nesta novela [Lume de cobiza], o personaxe é máis Soutelo ca Frank…
– Miguel Anxo Fernández (MAF): Xa non estamos nunha sociedade falseada polo glamour ni polas imposturas sobre as que asenta Hollywood; agora Soutelo móvese nunha sociedade máis asentada no real, na que convive cos seus parentes de Muros e departe coas súas amizades, algo que antes non ocorría e nas que era máis lobo solitario, un sabuxo individualista ao estilo dos clásicos de Dashell Hammett, Raymond Chandler ou as películas da Warner. Un mundo edificado sobre soños, case sempre tramposos ou escachados en mil anacos… Agora é Galiza e Soutelo traslada as maneiras aprendidas na cultura hollywoodense pero peta coas napias na realidade. Realmente, é un paracaidista que nos ve coa distancia necesaria da que nós somos incapaces. Conserva a súa retranca e precisará de axuda (o ex garda civil Poncio ou a segurata Dalia Maxino), pero mantense fiel aos seus principios, que son os dun tipo honesto pero ao que non lle importa transgredir a lei e a norma se é para foder os cabróns… Soutelo non é de branco sobre negro, é de grises. A tese que manexa a novela é que moitos daqueles lumes foron provocados por intereses máis escuros, e non precisamente pola simpleza de atribuírllelos a xente tola ou por vinganzas de herdanzas e cousas así. (…)
– ANT: (…) Contada en primeira persoa como toda a serie, Soutelo reflexiona sobre o país. Mesmo se permite falar do libro galego e do mal que andan as cousas…
– MAF: Frank é un tipo ilustrado, le, vai ao cine, visita museos, aprecia o patrimonio… Non é deses que viaxa coa melancolía na maleta e a pousa na barra do primeiro bar, queimando un cigarro tras outro e pensando na fodenda. Ese clixé parecíame demasiado tópico. Nesta ocasión le o grego Petros Márkaris e o seu comisario Kostas Kharitos, e mesmo chega a usar un exemplar de O accionista maioritario como arma disuasora. Nunha das súas estadía en Vigo entra a mercar na Casa del Libro e comproba con horror como o libro galego ocupa unha mesiña pola metade do tamaño do resto das mesas reservadas á edición castelá, e Soutelo di que máis claro, imposíbel. (…)
– ANT: Frank Soutelo xa é un dos sabuxos máis populares do mundo literario galego, para cando o seu traslado a outras linguas?
– MAF: É un sabuxo máis, e hai outros de grande altura e ben coñecidos. Pode que o feito de nacer cunha novela premiada axudase a consolidalo no imaxinario galego, e ter un nutrido club de lectores. Si teño claro que haberá Frank Soutelo para moito tempo se o sector editorial galego endereita, a lingua deixa de estar cercada como está e se medra a nosa conciencia como lectores comprometidos co produto propio. Pero tampouco nos deixemos levar polo entusiasmo. Se Lume de cobiza non prende nos lectores e non se move no mercado, a quinta aventura de Frank será máis complicada materializala nun libro. En canto ao seu traslado a outras linguas, carezo de axente literario e iso é tanto como unha renuncia a superar o Padornelo, cando menos até que non haxa políticas eficientes de estímulo á tradución e á edición noutras linguas desde o propio país, un asunto tabú cando claramente debería afrontarse desde a industria cultural editorial, recalcando nas verbas industria e cultural.”