O día 2 de xullo de 2007 xunto ao templo de Mahram Bilgis – a mítica Raíña de Saba – cerca de Marib, no Xemen, un kamikaze, presunto activista de Al Qaeda, arremeteu co seu vehículo cheo de explosivos contra un convoi de turistas estranxeiros. Morreron un total de once persoas; Mikel Essery, guía do grupo, era unha delas. A nova provocou un grande impacto.
Mikel era unha desas persoas que alá onde fose deixaba pegada, non pasaba desapercibida: bo conversador, atento a escoitar, alleo á indiferenza, popular, socialmente comprometido, provocador e conciliador, a súa melena loura, o seu bigote e o seu riso; trouleiro, universal, consciente da brevidade da vida… Cativado pola diversidade dos lugares deste mundo, polas súas xentes, as paisaxes, as cores, os amenceres, os aromas… relatábaos con entusiasmo, reflectíndoos nas súas notas e pequenos relatos, nas súas cartas, nos seus debuxos, nas fotografías e nos pequenos obxectos que traía consigo das súas viaxes. Por todo isto e na súa lembranza, convocamos a primeira edición do Concurso de Relatos de Viaxe Mikel Essery 2009, para relatos escritos en éuscaro, español, catalán, galego ou inglés, cunha extensión de entre 2.000 e 6.000 palabras. O prazo de presentación vai dende o 1 de xaneiro ata o 1 de maio de 2009. [Ler bases completas]