O mércores 7 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar Lúas de Outono. Homenaxe a Manuel María, coa estrea do audiovisual De amor e cantería, de Pixel Films, dirixido por Anxa G. Refoxo e realizado por Mikel Fontes, un traballo de 10 minutos de duración que recrea os poemas de Sonetos á casa de Hortas nos que o autor expresa a significación que para el tivo a súa casa natal en Outeiro de Rei. Posteriormente terá lugar a actuación musical de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, no que estrearán cinco pezas sobre poemas de Manuel María e outras gravadas en traballos anteriores.