Arquivos da etiqueta: Molière
Edicións Positivas estrea unha colección de teatro en parcería co CDG
Desde Sermos Galiza:
“A versión ao galego do Tartufo de Molière é o primeiro número da nova colección de libros O papel do teatro, promovida polo Centro Dramático Galego (CDG) e realizada en réxime de coedición entre Edicións Positivas e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
A publicación en papel recolle ao longo de 96 páxinas a tradución da obra do dramaturgo francés –en versión de Eva Alarte e Carles Alfaro– asinada por Loli Ramos. Sobre este texto o CDG construíu o espectáculo estreado no Salón Teatro de Santiago de Compostela o pasado setembro e representado ata finais de ano por distintos escenarios galegos.
Tartufo abre así a colección O papel do teatro, unha iniciativa de Fefa Noia, directora do CDG, para darlle cabida aos textos producidos pola compañía pública que non foran traducidos ao galego con anterioridade e publicados en soporte papel. A finalidade é retomar e continuar coa tarefa de edición de pezas dramáticas no noso idioma que se viña facendo por parte do CDG desde os seus inicios co obxectivo de que poidan estar a disposición dos lectores no futuro.”