Elba Pedrosa: “Diría que son unha escritora intimista, que tento facer “escrita dende a alma”, e engado tamén “dende o silencio””

Entrevista a Elba Pedrosa en Palabra de Gatsby:
“- Palabra de Gatsby (PG): Cal é o xerme de O que non sabías (Xerais, 2020)?
– Elba Pedrosa (EP): A necesidade que temos as persoas de atopar toda a verdade da nosa vida, para rematar de vez coas inquedanzas que deixan os misterios, ás veces agochados nas familias, dunha xeración para outra sen que ninguén saiba nada. Neste caso, o silencio que arrodea aos segredos familiares tórnase abondo insoportábel. Silencios por mor, tamén, dos prexuízos e acoutamentos da época na que se desenvolve a historia. Aínda que hoxe, se cabe, podería suceder do mesmo xeito.
Ademais desta necesidade de comprender e atopar sentido de vida, a voz da muller tamén empurrou moito de min para escribir O que non sabías. Sentín que tiña que ser protagonista e contar, neste traballo, os seus segredos.
– PG: Como valora o proceso de escrita desta historia?
– EP: Diría que, pola miña banda, foi unha grande oportunidade de aprendizaxe, xa que logo é primeira novela e primeira escrita longa en galego. Supuxo un proceso de creatividade en incremento. Aínda que abordei a escrita cun esquema inicial, onde todos os cabos asemellaban ben anoados, xurdiron tensións novas, ata cambios de perspectiva sobre algún asuntos. Falo de anos de concentración e case que obsesión no manuscrito, momentos da cabeza a bulir, tamén de documentación e observación activa e, dende logo, dunha alta implicación emocional. Non son quen de abranguelo doutro modo.
– PG: Primeiro título que escribe en galego e debuta cunha das editoras máis importantes do país. Cales son as súas sensacións?
– EP: Non podo estar máis satisfeita, gratificada, agradecida. Cando andaba na procura dunha editora, sabía que non sería doado acadar a súa atención e confianza. E dende logo non foi. Mais tiña que contar esta historia, e quería facelo tamén na nosa lingua, porque a mensaxe acadaba toda a forza. Nalgún momento estiven a piques de deixala na gabeta e esquecela. Un día o meu editor chamoume para dar a boa nova. Estaba xa esgotada, pero aínda tiven folgos para soltar unha gargallada e mesmo chorar un pouco, si. Xerais é unha das editoras máis serias e profesionais que temos. Síntome moi valorada. (…)”

Elba Pedrosa le un fragmento da súa obra O que non sabías

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de O que non sabías, por parte da súa autora, Elba Pedrosa, no marco da iniciativa #envozpropia de Edicións Xerais, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Elba Pedrosa le un fragmento de O que non sabías

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de O que non sabías,  por parte da súa autora, Elba Pedrosa, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.