“O venres 26 de abril, ás 21:00 horas, no Auditorio do Fórum Metropolitano da Coruña, con entradas dispoñíbeis na plataforma Ataquilla.com, Esther Carrodeguas estrea O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada. A peza aborda a relación da autora co seu corpo, marcada pola gordofobia imperante na nosa sociedade. Baixo a dirección de Xavier Castiñeira, Carrodeguas estará acompañada en escena polo artista multidisciplinar Juanma LoDo, quen realiza a sonoplastia da peza, de corte electrónico.
O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada é un texto dunha sinceridade crúa que tenta facer ver ás persoas do público de que maneira a gordofobia está instalada na nosa sociedade. “Só o título impactou moitísimo dende o principio. Moitísimas persoas me contactan a miúdo para dicirme que querían ver a obra porque se identificaban completamente con el, o cal indica que temos a gordofobia demasiado cravada. Descubrín co pasar das función que esta historia non é a miña historia, que é a de moitas persoas”—comenta Carrodeguas— que por máis duro que poida ser o fondo, a peza non deixa de ser divertida –asegura—.”