Entrevista a María do Cebreiro en BiosBardia:
“- BiosBardia (B): N’Os inocentes aparecen estes versos: “(…) A impotencia/ (e non exactamente a bondade)/ é aquilo que define os inocentes.” Así ve vostede a inocencia?
– María do Cebreiro (MdC): Aínda que no verso apareza o verbo definir, coido que a poesía non debe dar definicións. Son os versos os que se deben explicar por si mesmos. Non estou segura de estar de acordo con esa afirmación, incluso. O que quería expresar con este libro é que a inocencia é un rastro. Buscamos a súa pegada, especialmente a través do mito do paraíso perdido pero coido que en realidade o único que existe é unha idea do que é a inocencia, ás veces demasiado simplificada. E a miña reflexión reside en cuestionar se esa relación coa inocencia non debera ser máis complexa; superar esa idea de inocencia como nostalxia para enfrontármonos á pregunta máis interesante: quen son os inocentes? Son eles? Somos nós, os que lemos e confiamos na poesía? Diante do tempo que nos tocou vivir, que resistencia facer? Somos os elixidos porque escollemos o bando perdedor? Non teño a resposta.
– B: Unha das constantes do texto é a presenza da creación: o labor de escrita, os libros…
– MdC: O libro coido que forma parte intrínseca da miña obra porque é unha das ferramentas do meu traballo. Eu son profesora de Literatura e a obra literaria acaba formando parte da miña rutina. Non me podo desapegar del. Ademais, a miña relación coa creación literaria é algo sobre o que me gusta reflexionar. Primeiro desde o punto de vista da curiosidade: o que traen escrito os libros. E despois desde o punto de vista contrario, o da hixiene: debemos preguntarnos se é necesario escribir un libro máis cando xa hai tanto escrito. Ese dilema non quero dalo por sabido, quero ter presente que non escribir tamén é unha posibilidade, especialmente para un escritor. (…)
– B: Vostede, por xeración, pertence ao tempo dos Batallóns Literarios da década do 1990. 15 anos despois daquela eclosión de poesía, que pouso queda?
– MdC: Os poetas non gostamos moito diso das xeracións porque é coma se integrarnos nun colectivo nos limitase, como se nos diluíse o desexo de existir –sermos diferentes, únicos–, que vai implícito no labor de escribir. Eu recoñezo que nese tema discrepo. Síntome xeracionalmente no grupo dos 90, por idade, pero no posterior, no que empezou a publicar nos 2000, por proximidade literaria. A ese grupo que forman Daniel Salgado, Alberte Lema, Samuel Solleiro ou Xiana Arias Rego, eu chámolle a Xeración Perdida porque así como a dos 90 tivo unha gran repercusión, tanto entre a crítica como entre os medios de comunicación, os seguintes non foron considerados como grupo xeracional. E ao reflexionar sobre o motivo, penso que a chave de todo está na relación que mantiveron coa xeración anterior. A dos 90 fíxose un oco “matando o pai” (a xeración do 1980) pero ninguén matou a xeración do 1990. Quizais cómpre un discurso crítico coa que se produciu daquela e dilucidar se todo o que se facía pasar por poesía era poesía, se o que se conseguiu tiña importancia por unha cuestión cuantitativa unicamente. E até que punto as metas das que se presume eran tales. Realmente era tan amplo o público que asistía aos recitais? Realmente aumentou a demanda de poesía entre os lectores? (…)
– B: Vostede é investigadora de Teoría da Literatura. Varios dos seus traballos atinxen a presenza feminina na literatura. Convén aínda falar de literatura feminina?
– MdC: Calquera proceso de visibilización trae consigo unha etiqueta e a escrita ten entre as súas funcións romper as costuras, as etiquetas. Pero hai que ser sinceros: a igualdade aínda non é completa e mentres exista esa desigualdade é inevitable que esa mirada atravese os procesos de produción e de recepción de contidos literarios. O que si considero necesario é sermos máis amplos na ollada. Cando se fala de feminización da literatura galega contemporánea, falamos só de que agora hai máis escritoras? Ocorreu o mesmo nos outros campos relacionados? Nas editoriais? Nos medios de comunicación? (…)”