Entrevista a Francisco X. Fernández Naval en Tempo de Lecer Ourense:
“(…) – Tempo de Lecer Ourense (TLO): A súa última novela titúlase A noite branca. Que nos pode contar deste libro?
– Francisco X. Fernández Naval (FXFN): Conta unha historia que sucede ao longo de case un século, entre a ribeira do Miño, Ponte Canedo, a Habana da emigración e a fronte do leste durante a II Guerra Mundial. É un texto que procura unha sorte de diálogo entre o íntimo e local e o universal, sabendo que a fronteira entre estes termos é difusa, de maneira que o local case sempre e universal e viceversa. (…)
– TLO: Como definiría esta novela?
– FXFN: Pois supoño que é unha novela histórica-contemporánea, xa que un dos fíos chega ata o ano 2007. Penso tamén que conta unha historia nunca antes abordada pola literatura galega, malia que na fronte do leste loitaron do lado alemán arredor de 3.000 galegos. Tamén me ilusionou a posibilidade de recuperar espazo e personaxes da miña primeira novela, O bosque das antas. (…)
– TLO: Que importancia ou que peso ten esta nova obra na súa biografía?
– FXFN: Para ben ou para mal é o proxecto máis importante ao que me enfrontei nunca e iso o digo dende varios puntos de vista: literario, investigador, vital, de esforzo e horas de traballo, pero tamén por ter que escribir, sen xulgar, nunha linguaxe que me é allea, como é o discurso máis duro da Falanxe ou do nazismo. Prepareime e adestrei antes, xa que algunhas cousas que están na novela foron probadas no último libro de relatos Para seguir bailando.”