Conversa con Berta Dávila, gañadora do Premio Guillermo de Baskerville

DesdeBerta Dávila Galaxia:
“A edición en castelán de O derradeiro libro de Emma Olsen, publicada por Mar Maior, acaba de facerse co premio ao mellor libro español independente do 2015. Conversamos coa autora.
– Galaxia (G): Comezamos cun tópico. Que supón para vostede recibir este premio?
– Berta Dávila (BD): Aínda que non só, escribimos na procura do lector. Recibir un premio que vén dos ollos de lectores apaixonados pola literatura é estimulante. Tamén o é polo feito de que alguén acollese a Emma Olsen fóra de Galicia. Pódese escribir desde o galego para todo o mundo, e que chegue a persoas que falan outra lingua. Iso é emocionante.
– G: Semella que esta obra está a darlle moitas alegrías…
– BD: É así. Foi fermoso escribir este libro cando ninguén sabía que este libro existía, e é fermoso escoitar a cada un dos lectores. Nese sentido, ademais da boa acollida que recibiu dos lectores e da crítica, entusiásmome cando paso polos clubes de lectura e debato, ás veces con moita fondura, sobre literatura, perda, identidade, fracaso e destino, que son cousas das que fala a novela. Iso é un luxo.
– G: Case se pode dicir que houbo unanimidade no xurado en distinguir o seu libro como o mellor. E xa van moitos premios. Ata que punto isto representa unha presión para seguir escribindo novas novelas? Porque agora hai que estar á altura desta…
– BD: Representa máis da que eu pensaba. A pantasma de Emma Olsen estivo moito tempo sobrevoando a mesa cada vez que trataba de afrontar proxectos novos ou avaliar a supervivencia de proxectos en marcha. Decateime, chegado un punto, de que escribía por oposición ao libro, algo que é absurdo. Agora coido que matei a pantasma e volvo escribir como fixen sempre, o que me apetece e o que sinto que me representa.
– G: Con que vai sorprendernos Berta Dávila na súa próxima achega literaria?
– BD: Con outra novela. É o proxecto que máis me entusiasma agora. Non quero adiantar nada porque gardo con moito mimo o segredo do que escribo mentres a escrita está en curso, como fixen con Olsen. O único que podo dicir é que é un libro que me tocaba escribir, e ao que estou intimamente vencellada que, se cadra, xa é dicir demasiado.”