A Coruña: presentación do poemario Deconstruçom

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que hoxe venres 26 de febreiro terá lugar a presentación do poemario Deconstruçom de Susana Sánchez Aríns. Nesta presentación participará ademais da propria autora, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello e Roberto Catoira. Será ás 20:00 h. no salón de actos da asociación, con entrada libre. Deconstruçom, editado por Espiral Maior, foi premiado co XXI premio nacional de poesia Xosé María Pérez Paralle.

Ramón Neto Otero, Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O xurado da XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido en Fene, resolveu outorgar o premio ao libro A estación única dunha illa, presentado baixo o pseudónimo Glas-Ao. Aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Ramón Nieto Otero, escritor nado na na Illa de Arousa en 1975. Licenciado en filoloxía inglesa, fixo o último ano da carreira cunha beca Erasmus na Universidade Libre de Bruxelas e, dende aquela, reside na capital belga dedicado ao ensino da lingua inglesa. Ten estudos de música clásica e jazz e é un afeizoado á cultura mariñeira, practicando no mar de arousa a navegación en dorna. O libro gañador será publicado na colección de poesía Espiral Maior, a máis importante colección de poesía galega. O gañador do premio recibirá, ademais, unha peza cerámica do artista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.

O xurado, integrado polo poeta e artista plástico Baldo Ramos, Carmen Bar, exdirectora da biblioteca de Narón e Susana Sánchez Aríns, gañadora da XXI edición do premio, mencionou especialmente a alta calidade xeral das obras presentadas, destacando particularmente as tituladas O xardín de inverno e outras augas e Noites na casa do pai.

A entrega do premio terá lugar na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, entidade convocante do premio, o próximo sábado 21 de novembro.

Remata o prazo para participar no XXII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene lembra que até o 30 de setembro próximo está aberto o prazo de recepción de orixinais para a XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Esta é unha convocatoria moi especial para o Círculo Mercantil porque este ano celébrase o centenario do nacemento do poeta. Poderán participar do premio aqueles autores e autoras que non teñan ningún libro de poesía publicado. Quen desexe facelo deberán enviar ao enderezo do Círculo Mercantil un libro de poemas en lingua galega. A extensión mínima aconsellada é de 300 versos. Deberán enviarse tres copias encadernadas e baixo seudónimo. As bases do premio atópanse publicadas na web do certame. Unha vez rematado o prazo de presentación de orixinais, farase pública a composición do xurado.