Convocado o XXIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Convocado a XXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, correspondente ao ano 2010, coas seguintes:

BASES

1) O premio convócase co obxectivo de colaborar na promoción de novas voces, polo que é requisito para participar non ter publicado ningún libro individual de poesía. Porén, admitiranse traballos presentados por persoas que publicasen previamente algún libro en edición de autor.
2) O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición ou da crítica. A súa composición fara­se pública con posterioridade ao peche do prazo de entrega de orixinais e antes da emisión do fallo.
3) Os autores e autoras participantes presentarán un libro de poesía en lingua galega. É res­ponsabilidade do xurado do premio determinar se algún dos traballos presentados posúe ou non as características para ser considerado “libro”. Porén, recoméndase que teñan unha extensión mínima de 300 versos.
4) Os textos serán presentados por triplicado, de­bi­da­men­te encadernados ou gram­pa­dos, identificados inequívocamente con pseudónimo ou lema e acompañados dun sobre pechado. Na parte externa deste sobre farase constar o pseudónimo, lema ou título da obra e no interior incluirase a seguinte información: nome completo do autor ou autora, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto (teléfono e enderezo electrónico). No caso da publicación previa dun libro individual en edición de autor, deixaráse constancia na plica do título da obra, ano de pu­bli­cación e, no caso de telo, ISBN.
5) O prazo de presentación de orixinais remata o 1 de outubro de 2010.
6) Os traballos deben enviarse ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene: Porto do Rio, 21
San Paio-Fene (A Coruña).
7) O xurado escollerá de entre os traballos presentados un único libro. Asemade, poderá deixar constancia na acta de cantos outros títulos considere merecedores de ser publicados, non significando isto ningún compromiso por parte da entidade convocante nin dos patrocinantes nin do editor. Non se fará referencia na acta ao nome dos autores ou autoras dos libros mencionados.
8 ) Os traballos non premiados poderán recollerse na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene até 60 días despois da resolución do certame.
9) A entrega do premio terá lugar o sábado 20 de novembro nas instalacións da entidade convocante en Fene.
10) O premio consistirá na edición do libro na Colección de Poesía Espiral Maior no máis breve prazo posíbel. A primeira edición constará de 800 exemplares.
11) O autor recibirá 25 exemplares da obra impresa. Unha vez esgotada a primeira edición, a entidade convocante, os patrocinantes e o editor dispoñerán do prazo dun ano para reeditar o libro, debendo negociar previamente co autor ou autora a compensación económica desta e sucesivas edi­cións. Transcorrido este prazo, o autor ou autora poderá dispoñer libremente da obra coa única condición de que deberá dei­xar constancia do galardón en sucesivas edicións do libro.
12) Calquera detalle non previsto polas presentes bases deberá ser resolto polo xurado que ten, asemade, a atribución de interpretalas, nomeadamente no relativo aos puntos 1 e 3. A decisión do xurado é inapelábel.
14) Unha vez feita pública a resolución do premio nos medios de prensa (e agás no caso de indicación en contrario no exterior do sobre), a entidade convocante poderá abrir as plicas dos traballos non premiados coa única finalidade de promocionar as seguintes convocatorias do premio. Os autores e autoras poderán modificar ou eliminar estes datos dos arquivos da entidade convocante segundo se detalla na Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal.

Poden ser descargadas aquí.

A Coruña: presentación do poemario Deconstruçom

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que hoxe venres 26 de febreiro terá lugar a presentación do poemario Deconstruçom de Susana Sánchez Aríns. Nesta presentación participará ademais da propria autora, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello e Roberto Catoira. Será ás 20:00 h. no salón de actos da asociación, con entrada libre. Deconstruçom, editado por Espiral Maior, foi premiado co XXI premio nacional de poesia Xosé María Pérez Paralle.

Ramón Neto Otero, Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O xurado da XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido en Fene, resolveu outorgar o premio ao libro A estación única dunha illa, presentado baixo o pseudónimo Glas-Ao. Aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Ramón Nieto Otero, escritor nado na na Illa de Arousa en 1975. Licenciado en filoloxía inglesa, fixo o último ano da carreira cunha beca Erasmus na Universidade Libre de Bruxelas e, dende aquela, reside na capital belga dedicado ao ensino da lingua inglesa. Ten estudos de música clásica e jazz e é un afeizoado á cultura mariñeira, practicando no mar de arousa a navegación en dorna. O libro gañador será publicado na colección de poesía Espiral Maior, a máis importante colección de poesía galega. O gañador do premio recibirá, ademais, unha peza cerámica do artista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.

O xurado, integrado polo poeta e artista plástico Baldo Ramos, Carmen Bar, exdirectora da biblioteca de Narón e Susana Sánchez Aríns, gañadora da XXI edición do premio, mencionou especialmente a alta calidade xeral das obras presentadas, destacando particularmente as tituladas O xardín de inverno e outras augas e Noites na casa do pai.

A entrega do premio terá lugar na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, entidade convocante do premio, o próximo sábado 21 de novembro.

Remata o prazo para participar no XXII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene lembra que até o 30 de setembro próximo está aberto o prazo de recepción de orixinais para a XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Esta é unha convocatoria moi especial para o Círculo Mercantil porque este ano celébrase o centenario do nacemento do poeta. Poderán participar do premio aqueles autores e autoras que non teñan ningún libro de poesía publicado. Quen desexe facelo deberán enviar ao enderezo do Círculo Mercantil un libro de poemas en lingua galega. A extensión mínima aconsellada é de 300 versos. Deberán enviarse tres copias encadernadas e baixo seudónimo. As bases do premio atópanse publicadas na web do certame. Unha vez rematado o prazo de presentación de orixinais, farase pública a composición do xurado.