“A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou as bases do XII Premio Pura e Dora Vázquez de narración e ilustración infantil e xuvenil, dotado con 3.000 € para as dúas modalidades, un certame que quere recoñecer a calidade literaria e artística de traballos creados para nenos e xoves, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez.
Ao premio, na súa modalidade de narración, poderán concorrer todos aqueles autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega. Os textos presentados han de ser inéditos e totalmente orixinais. As obras, cuxa temática será libre pero acaída para o público infantil ou xuvenil, terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, fonte Times New Roman, tamaño de letra 12 e interliñado 1,5 liñas.
A presentación dos orixinais poderá realizarse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense, e os concursantes deberán remitir seis exemplares da obra nun sobre pechado indicando no exterior do paquete PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE NARRACIÓN.
As obras irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico e unha fotocopia do DNI.
O prazo de admisión de orixinais remata o 31 de decembro de 2014, admitíndose, non obstante, aqueles que teñan sido cuñados por Correos ese mesmo día. Para esta modalidade de narración establécese un premio de 1.500 €.
O xurado estará composto polo presidente da Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, en que el delegue) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretaria a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue (con voz e sen voto). Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Educación, Cultura e Deportes da Deputación Provincial a proposta dos grupos políticos da Corporación.
A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente e este emitirá o seu ditame no primeiro trimestre de 2015. O premio poderá ser declarado deserto, no caso que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.
A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.
Unha vez fallado o premio de narración (no primeiro trimestre de 2015) convocarase o premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración. As obras presentadas nesta modalidade tomarán como base o texto premiado na modalidade de narración.”
Arquivos da etiqueta: Premio Pura e Dora Vázquez
María Canosa gaña a oitava edición do premio Pura e Dora Vázquez
O galardón desta edición era especial despois de que hai unhas semanas finara Dora Vázquez. A oitava edición do certame literario convocado pola Deputación de Ourense de literatura infantil recaeu este ano na escritora María Canosa, pola obra O papaventos de Laura por ser “unha historia imaxinativa, alegre e fresca, nun entorno familiar cheo de tenrura”, segundo o fallo do xurado. Agora, a Deputación convocará o premio de ilustración para acompañar a obra seleccionada. Ambos os dous galardóns están dotados con 3.000 euros cada un. A nova foi recollida tamén en: Xornal, Galicia Hoxe e Faro de Vigo.
Babarro e Nuria Díaz reciben o premio Pura e Dora Vázquez
(Xornal)
Convocado o VIII Premio Pura e Dora Vázquez
A Deputación de Ourense convoca o VIII Premio de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez”. As bases pódense consultar aquí.
Últimos días para presentarse aos premios Fiz Vergara Vilariño e Pura e Dora Vázquez
Lembrámosvos que nas próximas semanas remata o prazo de presentación de orixinais para o X Premio 2009 de Poesía Fiz Vergara Vilariño organizado pola asociación Ergueitos (31 de xaneiro de 2010) e o VII Certame Xornalístico Pura e Dora Vázquez convocado polo Concello de Arteixo (1 de febreiro de 2010).
David Pintor, Premio de Ilustración Pura e Dora Vázquez
“O debuxante e caricaturista David Pintor (integrante de Pinto e Chinto) resultou gañador da VI edición do Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vazquez“ na modalidade de ilustración, promovido pola Deputación Provincial de Ourense.
David Pintor foi escollido por unanimidade do xurado entre os 22 traballos presentados e recibirá como premio os 3.000 euros con que está dotado este Certame. O xurado estivo integrado por Eva Torres, directora do Museo Municipal, Omar Pérez, deseñador da imprenta da deputación; María Puertas, pintora e gañadora dunha das edicións do premio, e Concha Blanco, escritora e a autora do texto “Encontros as agachadas”, gañador na modalidade de narración e sobre o que tiñan que presentarse as ilustracións.
A Deputación procederá agora á edición conxunta dos traballos premiados (narración e ilustración) e desenvolverá unha campaña de promoción á lectura entre os máis novos coa distribuíón deste libro”.
Máis información: páxina web e blog do autor.