Convocatoria do I Premio Via Galego

A Fundación Via Galego convoca este ano a primeira edición dun galardón que recoñecerá de forma específica aquelas persoas ou entidades que desenvolvan un labor para mellorar as relacións de Galiza cos outros territorios do seu sistema lingüístico, o galego-portugués. O premio Via Galego outorgarase anualmente por esta Fundación declarada de interese público e de interese galego. As candidaturas a este galardón han de enviarse ao Padroado da Fundación Via Galego por correo electrónico (viagalego@viagalego.org) ou por correo postal (Rúa do Vilar, 15-1º dereita, Santiago de Compostela) antes do 1 de setembro de 2010. Xunto coa proposta, achegarase un currículo ou folla de méritos. A Fundación garante que as candidaturas se tratarán coa máxima confidencialidade. Ademais, os membros do xurado (que será o propio padroado da Fundación) poderán tamén propor candidaturas e, se así o consideraren, optar por deixar deserto o premio. Nestes momentos conforman o padroado da Fundación Via Galego as seguintes persoas: Carlos Callón (presidente), Susana Romero (vicepresidenta), Iria Taibo (secretaria) e os vogais Xavier Alcalá, Miguel Barros, Fátima Braña, Quico Cadaval, Pilar García Negro, Carmela González Bóo, Adolfo Muíños, Bernardo Penabade, Fran Rei, Henrique Sáez Ponte e Xavier Vence. O galardón Via Galego 2010, que reviste un carácter simbólico e carece de dotación económica, darase a coñecer o día 18 de outubro, aniversario da histórica manifestación en defensa da lingua galega. Máis información aquí.