Blogaliza.tv transmitirá ao vivo dos Premios Xerais desde San Simón

O sábado, 12 de xuño, a partir das 19:00 horas, Blogaliza.tv transmitirá en directo a cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010 que dende hai seis anos se celebran na illa de San Simón. No acto, que durará arredor dunha hora, intervirá a escritora Fina Casalderrey como mantedora literaria e os «Alegres da Buraca» no apartado musical. Esta entrega coincide, ademais, coa celebración do 25 aniversario dos Premios Merlín de Literatura Infantil que serán os grandes protagonistas da velada, que será presentada por Celia Torres, directora de promoción de Xerais.

Os Premios Xerais 2010 coñeceranse o sábado 12 de xuño na Illa de San Simón

«Trinta e oito obras compiten no Premio Xerais de Novela, e trinta e dúas polo Premio Merlín de Literatura Infantil. Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 4 de xuño. Os premios serán fallados o sábado 12 de xuño na illa de San Simón.Edicións Xerais de Galicia, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2010, nomeou aos membros dos dous xurados.

O xurado da XXVII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorren trinta e oito obras, está formado por: Comba Campoy (actriz), Manuel Ángel Candelas Colodrón (profesor da Universidade de Vigo e blogueiro), Roberto Pérez Pardo (profesional do libro), Belén Regueira (xornalista), Antón Sobral (pintor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Con motivo da celebración do XXV aniversario do Premio Merlín de Literatura infantil, Xerais acordou formar o xurado con escritores e escritoras gañadores de edicións anteriores.

O Premio Merlín de literatura infantil , dotado con 10.000 euros e no que concorren trinta e dúas obras, está formado por: An Alfaya (Premio Merlín, 1997), Jacobo Fernández Serrano (Premio Merlín, 2009), Antonio García Teijeiro (Premio Merlín, 1996), Mar Guerra (Premio Merlín, 2008), Gloria Sánchez (Premio Merlín, 1990), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Os dous xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 4 de xuño, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 12 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón.»

Edicións Xerais de Galicia

Convocados os Premios Xerais de Novela e Merlín de Literatura Infantil

Un ano máis, Xerais convoca os seus Premios Literarios que se fallarán na Festa Xerais o sábado, 12 de xuño de 2010.

XXVIIª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros. Bases: PDF, 34 KB

XXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil dotado con 10.000 euros. Bases: PDF, 35 KB