A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convida a participar nunha actividade na que colabora e que se enmarca no amplo programa do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador.
Presentamos unha mesa redonda con título Cercando as ondas. Que significa ser poeta en … (Finlandia, Cataluña, Croacia, Islandia, Eslovenia, Letonia e Galiza), a celebrar o martes 30 de outubro no Pazo de Mugartegui (Praza da Pedreira, Pontevedra) ás 19:30 horas, como foro aberto dirixido a todos os escritores/as, docentes de literatura, editores/as, tradutores/as e persoas interesadas na escrita poética do noso e doutros territorios.
Para iso contaremos coa presenza de sete poetas de recoñecido prestixio en lingua finesa, croata, rusa, catalá, islandesa, eslovena e galega -cuxas biografías podedes consultar no documento anexo-, e así achegarnos á realidade poética e autorial desoutros sistemas literarios, e tamén para que os e as convidadas teñan a ocasión de coñeceren máis de perto o tecido cultural do noso país e tomar contacto cos nosos públicos.
Para facilitarmos a organización do evento, de carácter aberto, agradecemos que nos confirmes a túa asistencia antes do 29 de outubro nos contactos habituais da nosa oficina técnica:
– Teléfonos: 981 133 233 e/ou 696 581 971.
– Correo electrónico: oficina@aelg.org.