A editorial Trifolium pon estes días nas librerías de todo o país a versión galega de Residente privilexiada, o libro de memorias da actriz María Casares (1922-1996). Nacida na Coruña, María Casares tivo que exiliarse en Francia co seu pai, Santiago Casares Quiroga, tralo levantamento militar fascista de 1936. Ao longo de cinco décadas desenvolveu unha fecunda carreira no teatro; no cinema a súa presenza foi moito menos continuada, mais tivo ocasión de traballar con algúns dos máis grandes directores franceses coma Robert Bresson, Alain Resnais ou Jean Cocteau. O Centro Galego de Artes da Imaxe celebra a publicación da súa memorábel autobiografía e réndelle homenaxe mañá xoves coa proxección do filme Les dames du Bois de Boulogne.