Desde o Diario da Universidade de Vigo:
“E despois da posmodernidade que? Camiñar cara adiante pero coa vista posta nun pasado de modernidade ou explorar novas vías que rachen co presente, fornecendo novas vangardas? Sexa como sexa, semella que en plena crise péchase un ciclo tamén para a arte, pero neste punto (seguido ou final) sempre se abren novas fiestras, as que agora explora unha nova xeración de escritores que son os que protagonizan a oitava edición do Ciclo Escritoras-es na Universidade, que este venres comezou na Facultade de Filoloxía e Tradución. Serán en total tres mesas redondas con creadores mozos, arredor da trintena, “con discursos novos que viven a precariedade como man de obra excedente”, como explicaba na apertura da sesión a escritora e profesora Rexina Vega, que coordina esta iniciativa. “Vivimos nun estado de demolición no que caen cada vez máis bombas”, apuntaba, “pero debemos fuxir do vitimismo e apostar pola universidade como campo de batalla”, un campo de batalla en defensa e reivindicación da literatura galega, “desamparada polas institucións”. E este é o obxectivo do ciclo de mesas redondas, unhas das escasas ventás á literatura galega, que contou no seu acto de apertura coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, que lembrou que este 26 de setembro, se celebra o Día Europeo das Linguas. A decana do centro, Rosa Pérez, que tamén asistiu ao acto de inauguración, agradeceu á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Xunta de Galicia, entidades organizadoras xunto coa Universidade de Vigo, a súa colaboración nunhas xornadas “que serán de gran proveito para todos e nas que aprenderemos moito”.
Presentados por Iria Presas, estudante do grao en Estudos de Galego e Español, os escritores Alberto Lema e Samuel Solleiro fixeron un percorrido pola historia que desembocou na posmodernidade pero tamén polas novas vías que se abren tras ela. Lema, autor de obras como Unha puta percorre Europa ou Plan de fuga, remontouse séculos atrás para analizar como o devir da historia foi dando paso a diversos movementos artísticos e, en concreto, á posmodernidade, que mesmo comparou co Renacemento pero que “lonxe dunha misión redentora está directamente relacionada cos obxectos de consumo”. É, sen dúbida, o de posmodernidade un concepto vago do que, como explicaba Solleiro, “todos opinan pero ninguén se atreve a definir”, aínda que Alberto Lema se animou a dar varias pinceladas: “na novela posmoderma predomina a primeira persoa, unha primeira persoa que carece de identidade colectiva, cargada de ironía, na que todo sucede na distancia e na que non hai heróes, sen profundidade histórica, nun presente perpetuo e cunha importante presenza do xénero apocalíptico e de paisaxes catastróficas”. Pero a pregunta é “que podemos facer os escritores ante o fin da posmodermidade?” Para Lema deben comezar a “tomar conciencia do contido ideolóxico, identificar que a estética dominante é reaccionaria e tomar conciencia da historia, pero o fin do posmodernismo non pode ser unha volta á modernidade”, concluíu.
Para Solleiro, que conta entre as súas obras títulos como Elexías a deus e ao diaño, DZ ou o libro do esperma e Gran tiburón branco, destaca que “a crise da posmodernidade, igual que a crise da universidade, é a crise do coñecemento especulativo” e incidía en que características súas como a ironía ou o cinismo, están xa institucionalizadas, estandarizadas, polo que sería preciso rachar con elas, e mesmo percibe un ton reaccionario na época posmoderna actual. Ante ela, avoga por loitar contra a sobreinterpretación, por apostar pola sinxeleza e fuxir dos dobres sentidos. Pero esa páxina da historia está por escribir e tamén por bautizar…”