Fina Casalderrey, homenaxeada no Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Fina Casalderrey é a autora homenaxeada no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que comeza o próximo domingo 1 de febreiro. Mutacións xenéticas, Quen me quere adoptar? ou A lagoa das nenas mudas son algúns fitos na carreira dunha escritora que conta entre os seus premios co Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de 1996 pola obra O misterio dos fillos de Lúa.

Fina Casalderrey foi a encargada de facer a laudatio do autor ao que se lle rendeu tributo na anterior edición do Salón do Libro, Xabier P. Docampo. Poden ver o vídeo desa intervención neste enderezo.

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recibe o Premio Francisco Fernández del Riego

«Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas ao Premio Francisco Fernández del Riego á colaboración no labor editorial do ano, co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, colectivo de persoas, entidade ou institución das que colaboran co sector editorial ou que participan na promoción do libro editado en lingua galega resultaron finalistas as seguintes candidaturas: o programa de Radio Galega “As quimbambas”, Protexta da revista “Tempos Novos”, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e a Sección de Cultura do xornal “Galicia Hoxe”. Trala derradeira votación resultou gañador o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.» (AGE)