A compañía Elefante elegante estrea novo espectáculo en Alemaña, unha peza baseada na novela Os bicos feridos, de Anna R. Figueiredo

Desde Nós Diario:
“A cidade alemá de Nuremberg prepárase para acoller a estrea de Schmetterlinge, unha produción innovadora que conecta culturas e sensibilidades europeas a través da adaptación teatral de Os bicos feridos, novela da escritora Anna R. Figueiredo.
Este espectáculo está dirixido por María Torres e Gonçalo Guerreiro da compañía Elefante Elegante e estréase no emblemático teatro alemán Gostner Hoftheater de Nuremberg, onde estará en cartel até o vindeiro 7 de decembro.
Schmetterlinge segue a historia de Olivia, unha muller que naceu en Alemaña, filla de pais galegos emigrados. Aínda que vive na Galiza desde os oito anos, regresa ao país onde naceu para traballar como empregada de limpeza na casa e no laboratorio de Lisa, unha médica forense, divorciada e con dous fillos. Un día, Olivia coñece a Samuel, o fillo de Emma, unha actriz e cantante que non logra consolidar unha carreira artística. Samuel suicídase, e Lisa encárgase de realizar a autopsia.
A obra Schmetterlinge, título que significa en alemán Bolboretas, explora temas universais de perda, superación e identidade nunha montaxe cunha linguaxe plástica que evoca a poesía visual. A colaboración entre Elefante Elegante e Gostner Hoftheater é unha oportunidade única para afondar nas complexidades da novela e levala a un novo nivel escénico. (…)”