Ourense: Auria. Semana da Literatura Histórica, entre o 10 e o 17 de outubro

Entre os domingos 10 e 17 de outubro desenvólvese na carpa instalada no Xardín do Posío en Ourense Auria, Semana da Literatura Histórica, feira que quere pór en valor o xénero que lle dá nome e satisfacer o interese de lectores, escritores, editores e profesionais. Nos andeis da mostra poderanse ver as novidades das editoras Alvarellos, Nigra Trea, Xerais, Galaxia, Ir Indo e Ouvirmos. Canda actividades como ciclo de cine sobre nomes da historia, actos de animación, mesas redondas, conferencias ou sinaturas de libros, haberá un Premio Novela Inmortal, que lle da a palabra aos lectores para escoller cal, entre as dez obras propostas, merece recibir este palmarés. O galardón quedará inmortalizado nun monolito no parque da Praza Bipo Cesáreo (Alameda alta) de Ourense. Os obxectivos de Auria son múltiples: divulgar o xénero e as súas novidades, dar a coñecer ao público os autores máis prestixiosos e descubrir os novos valores, analizar o fenómeno e o seu éxito e establecer pontes entre historia e literatura. O programa completo pódese descargar neste ficheiro .pdf: Programa de Auria, Semana de Literatura Histórica.