Desde Sermos Galiza (foto do Facebook de Helena Villar):
“Esta sexta feira 16 de xuño Alvarellos Editora cumpre 40 anos da súa presentación en Lugo. O seu actual director, Henrique Alvarellos, fillo do fundador -Enrique Alvarellos-, explica así este movemento: “Somos a vicedecana das empresas editoras galegas e afrontamos o futuro ollando aos primeiros lectores e lectoras. Damos un xiro na nosa liña editorial e comezamos con esta ilusionante Colección Verdemar. Seguiremos publicando libros para adultos, por suposto, pero a nosa pretensión é ir captando aos lectores máis novos. É un mundo fascinante para traballar desde unha factoría de contidos como é a nosa”.
Estes días chegan ás librarías os primeiros exemplares dos dous primeiros títulos desta nova colección, que xa foron presentados na pasada SELIC (Semana do Libro de Compostela): o álbum ilustrado Queres ler un libro comigo?, do americano Lawrence Schimel e debuxado polo artista paulista Thiago Lopes, destinado a crianzas a partir dos 3 anos; e Contos do Sol e da Lúa, de Helena Villar Janeiro, con ilustracións de Ana Costa, dirixido a maiores de 8 anos.
O nome da colección, explican desde a editora, provén do Príncipe Verdemar, un dos protagonistas da peza de teatro A cabeza do dragón, de Valle-Inclán, que vén de ser levada ao teatro por Quico Cadaval este mesmo ano. A editorial avanza que nos vindeiros meses irán aparecendo novos títulos desta colección, entre eles, un conto do propio Quique Alvarellos baseado na historia do bosque do Banquete de Conxo.”