Desde Galaxia:
“A colección do famoso detective Frank Soutelo, ideada por Miguel Anxo Fernández, gozará do seu propio roteiro, no Carballiño.
Esculturas e placas explicativas lembrarán no concello ourensán o protagonista creado por Fernández.
Foi no ano 2002 cando o detective Frank Soutelo botaba a andar polos vieiros da literatura galega. Da man do seu creador, o crítico de cine, profesor e escritor Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955), o singular personaxe resolvía un caso de trapicheo con recordos, restos e propiedades de famosos en Un nicho para Marilyn, Premio García Barros. Máis de vinte anos despois, o sabuxo americano con vencellos familiares en Muros e Soutelo de Montes, de onde eran orixinarios os seus proxenitores, xa leva protagonizadas sete obras e segue a manter a forma. Na última, A conxura do sete (Galaxia, 2022), Soutelo resolve un enguedellado caso no que tiñan un papel central os anacos da espada do Apóstolo e no que os implicados percorrían toda Galicia na súa procura. A próxima aventura do personaxe de Frank Soutelo non será literaria, senón artística e cun marcado carácter turístico, literario e patrimonial. O Carballiño contará cunha ruta dedicada ao detective e aos principais personaxes que o acompañan nas súas novelas. O proxecto é unha iniciativa promovida pola empresa de deseño OZOCOgz, autora de, entre outros materiais, xogos de mesa para coñecer Galicia e o galego, e pola profesora Mariña Arbor, co apoio do Concello do Carballiño.
Para crear esta ruta, seleccionáronse os espazos da vila que aparecen nas sete novelas da saga e a presenza neles dos principais personaxes creados por Miguel Anxo Fernández, xunto a Soutelo poderase atopar en diferentes espazos públicos a Sugar Jones, Dalia Maxino (con casa na vila) e Franeiras (da Policía Local do Carballiño). Instalaranse siluetas a tamaño natural, 1,70 e 1,80 metros, en aceiro corten perforado co nome dos personaxes e placas explicativas. Na primeira fase, terán presenza Soutelo, Franeiras e Dalia Maxino, e haberá 25 placas repartidas pola vila. A maiores, contémplase no proxecto que se está ultimando a edición dun caderno, tipo Moleskine, con parágrafos das novelas relacionados co Carballiño.
Logo desta primeira iniciativa, valorarase darlle continuidade noutros lugares de Galicia nos que Frank Soutelo ten presenza de xeito continuado.”