Hoxe mércores no Kiosco Alfonso de 18:45 a 20:30. Entrada libre.
Vittorio Giardino (Bolonia, 1946) comezou a súa carreira profesional en plena madurez. Estudou Enxeñería Electrónica e exerceu a profesión durante dez anos. Cumprida xa a trintena, decidiu abandonar o seu traballo como enxeñeiro para dedicarse en corpo e alma ao mundo do cómic. En 1979, tras un ano de colaboracións en diversas revistas e fanzines, crea un dos seus personaxes máis famosos, o detective Sam Pezzo, cuxas historias foron serializadas na revista Il Mago. Ao pechar esta publicación, empezou a traballar na revista Orient Express ás ordes do editor Luigi Bernardi. Nesta contorna nace outra das súas grandes creacións, Max Fridman, un axente secreto francés, cuxas misións transcorren en diversos puntos de Europa. A primeira aventura deste axente secreto, Rapsodia Hungara, foi recompilada nun álbum unitario en 1982. A partir de entón, Max Fridman non abandonará ao seu creador ao longo do tempo. Son múltiples as obras que viron a luz co axente secreto como protagonista. Este personaxe é o aceno de identidade do autor e foi o seu pasaporte para o recoñecemento internacional.
En 1984, como un traballo de encarga para revista Comic Art, Giardino creou o personaxe Little Ego, unha clara homenaxe ao Little Nemo, de Winsor McCay. Pouco despois, sae á venda a segunda aventura de Max Fridman, A porta de Oriente, un traballo que alternou coa creación dunha serie de historias curtas publicadas en diversos medios e que posteriormente se recompilarían no volume colectivo Vacaciones Fatales.
En 1981, co personaxe Jonas Fink e a súa triloxía de álbums (A infancia, A adolescencia e A mocidade) obtén o recoñecemento da crítica e numerosos e prestixiosos premios tanto en Europa como en Estados Unidos. Trátase da obra máis persoal do autor xa que se serve da súa experiencia e a da súa familia, parte da cal residía na antiga Checoslovaquia. Describe a Praga dos anos cincuenta, onde un mozo sofre a represión da policía comunista. En 1999 Giardino recupera ao seu personaxe Max Fridman para a triloxía Non pasarán, ambientada na guerra civil española. Unha obra complexa e chea de matices, onde tras a inicial premisa da investigación dun amigo de Fridman, e por medio de tramas secundarias, Giardino realiza unha radiografía do conflito a través da mirada distante dun axente secreto enfrascado nunha guerra que non é a súa. Esta triloxía levoulle dez anos de traballo, só interrompidos pola publicación de Eva Miranda, (axudado ao guión por Giovanni Barbieri), unha parodia do mundo dos culebróns televisivos. Na actualidade, Giardino compaxina o seu labor de historietista con traballos de ilustración para revistas como Vogue ou Je Bouquine.