Entrevista a Anna Figueiredo

Entrevista a Anna R. Figueiredo en Writers of Dreams:
“(…) – Writers of Dreams (WD): Consideras a literatura un traballo, ou algo máis?
– Anna R. Figueiredo (ARF): Considero a literatura unha arte, iso non creo que deba imbuíla do misticismo nin nada parecido, hai moito de técnica na creación literaria, e de aprendizaxe, polo menos desde o meu punto de vista. Mais considero que a literatura non pode ser, ou non debe ser, un traballo en cadea no que se produzan obras idénticas unha e outra vez. Si que creo que a literatura dun lugar está vinculada á realidade dese lugar e que a través da óptica de quen a habita, ou escribe desde ela, a interpretación do mundo é diferente. Polo que aínda que dá traballo, que son horas, que hai que perfeccionar a técnica na creación e a paixón pola aprendizaxe doutras fontes literarias e artísticas, non creo que sexa só un traballo. Porén, como dá traballo e tamén é un traballo, considero que a industria cultural e literaria debe ser considerada de xeito respectuoso e digno no eido laboral e de patrimonio do creador ou creadora. (…)
– WD: Cales dos teus libros teñen un significado máis fondo para ti e cal é ese significado?
– ARF: Sen dúbida Os bicos feridos, en primeiro lugar porque malia ter publicado e ser premiada pola creación de relatos, foi a miña primeira novela. A primeira escrita e rematada, a primeira que considerei que podería ter un futuro fóra do ordenador. Os Bicos para min é un berro da necesidade da arte, contra a apatía na que esiximos unha hipertecnificación ou impoñemos unhas espectativas demenciais na mente da mocidade e lles obrigamos a buscar esas metas alén das nosas fronteiras. No xeito no que cremos que o que está lonxe é mellor e tamén é, para min, unha homenaxe a esa cultura dos Smith, Clash, Covent Garden e do amor por Londres e a música na que os que somos as primeiras xeracións das familias dos setenta, as primeiras que puidemos cursar estudos universitarios nesa época do chamado estado do benestar, medramos. Nós medramos escoitando Follow me, Muzzy, Morrisey, Nirvana e soubemos cantar as cancións e identificarnos coa dor inmensa das letras de Dead can dance ou as aparentes incoherencias de The Stranglers, coa raiba adolescente dos Undertones. Medramos naquel caldo musical e cultural que nos definiu seareiros dos electroduendes, e quixemos ser heroes, quixemos que a nosa vida adulta fose aquela coa que nos permitiron soñar entre os corredores color verde hospital dos institutos públicos. Asemade a súa existencia achegoume a persoas das que agora non sabería separarme.
– WD: Como ves o futuro da literatura, e o máis importante, o futuro da mesma en galego?
– ARF: Vou empezar pola segunda, como os irmáns Marx. Coido que a literatura galega goza de boa saúde, e esta frase que pode parecer ambigua coido que se reflicte na gran calidade e cantidade de propostas literarias das que podemos gozar no noso idioma. Con todo sorpréndeme que na narrativa moitas das autorxs “máis novas” non baixamos dos 35 anos e iso é algo que me sorprende (se ben autorxs que escriban poesía si que hai de todas as idades). Pregúntome o por que desta razón. Por unha banda penso que é posible que, coma min, a vida e a supervivencia do día a día fagan que adíen a pulsión por escribir a cando teñan máis tempo ou cando xa non teñan medo a romper barreiras e loitar pola arte na que cren, formarse, traballar. E seguro que se poden pensar en outras opcións pero iso, que serían causas, non resolve o problema. Encantaríame que máis persoas de vinte, vinte-e-tantos se mergullasen a escribir en galego, sexa en folios, apps ou ordenadores, do mesmo xeito que observamos grandes obras en castelán como Panza de burro, por exemplo, ou en inglés son Sally Rooney.
En termos xerais coido que a literatura sempre estará presente e agardo que algo así tamén lle pase ao teatro. A humanidade sempre precisa das ficcións, para entender o mundo, para asombrarse, para distraerse, para coñecer outras realidades, ou para dialogar con unha propia. Se ben é certo que a oferta que temos hoxe en día é tan ampla que un pode chegar a perderse, por sorte contamos con libreirxs marabillosxs que poden aconsellar e guiarnos, ou grupos de amigxs que, do mesmo xeito que nos aturan falando entusiasmadamente da última película que acabamos de ver (estou nun momento revival de películas e case non vexo series) tamén poden caer na tentación de ler connosco ou deixarse aconsellar nas lecturas. Regalemos libros, algún acabará caendo. Eu non perdo a esperanza. (…)”