Desde Sermos Galiza:
“Xerais mudou a illa de San Simón por un espazo tamén inundado polo salitre para celebrar os seus premios, o Museo do Mar. O propio director da editorial, Fran Alonso, facía un percorrido no seu discurso inicial polos distintos lugares que acolleron a entrega dos Xerais desde o nacemento destes galardóns en 1984.
Nesta ocasión, a editorial anunciou o 2 de xuño de 2018 o nome das persoas recoñecidas e decidiu entregar os premios –dotados con 10.000 euros– á vez que as obras chegan aos andeis das librarías, “queremos achegar os libros ás mans das lectoras, queremos celebrar os libros, que son a nosa identidade”, expresaba o tamén escritor. “Todos os libros que editamos tecen futuro”, engadía Alonso, quen aludía ao inicio da nova etapa que Xerais comezaba no mes de abril.
O novo director da editorial ofreceu unhas agarimosas palabras para o seu antecesor no cargo, Manuel Bragado, así como para o “pequeno pero inmenso” equipo de traballo de Xerais. Após situar os libros como “arma poderosa”, sinalou que a empresa quere reiventarse e que para ela o principal son as autoras e autores. Finalizou Fran Alonso a súa intervención cunha sentida lembranza para Xabier P. DoCampo, amigo da editorial e finado este ano, ao que se referiu como unha das “máis entrañábeis figuras da cultura deste país”.
Após o discurso do director de Xerais, que tamén se referiu ao “momento complexo que vive a industria editorial galega”, a xornalista Teresa Cuíñas entrevistou a gañadora e os gañadores. No medio da conversa, visualizáronse os vídeos de tres booktubers –Paula Gómez del Valle, Sara Carballo Gayoso e Xiana Vilariño García– onde se falou de cada unha das obras premiadas e ao remate Celia Torres entregoulle o premio a Emma Pedreira; Anaír Rodríguez a Héctor Cajaraville e Ramón Domínguez a Carlos Negro. (…)”
Desde Xerais pode verse a fotogalería deste acto.