Desde a Xunta de Galicia:
“Nós, arquipélago, de Rui Cerqueira Coelho, é a obra gañadora do II Premio Literario Nortear para a Mocidade Escritora de Galicia e de Portugal. Entre 30 traballos de autores e de autoras con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos, o relato do escritor luso foi elixido por unanimidade polo xurado do certame, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT) para incentivar a creatividade da mocidade escritora galega e portuguesa.
Presidido por Xosé María Lago García, subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza da Xunta de Galicia, e integrado por Carlos Arias, en representación da Secretaría Xeral de Cultura; polo escritor galego Antón Riveiro Coello, pola escritora portuguesa Olinda Beja, polo editor portugués Carlos Lopes, director de Edita-Me; e por André Rodrigues, integrado na GNP, AECT, que actuou como secretario, o xurado valorou no relato “o estilo impecable e potente, e unha narración sólida que harmoniza emocións, vencellos familiares, percepcións sensoriais e evolución psicolóxica cunha gran profundidade”.
Tamén destacou o xurado o manexo da temporalidade, desde unha percepción interior, na que “o pasado e a prospección do futuro como baleiro e como misterio difícil de asumir se unen para definir interiormente un ser que toma consciencia da súa existencia e da súa limitación como pulso vital”.”