Desde Sermos Galiza:
“O 12 de marzo de 2015, Sermos Galiza publicaba no número 137 unha nova entrega do xornalista Antón Lopo dentro da serie “Extintivos”. Nesta ocasión, o xornalista entrevistaba Xulio Calviño, unha conversa que redactou en estilo indirecto e que titulou Terán que volver os bárbaros para liberarnos. Esta colaboración valeulle ao xornalista o XIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo, convocado polo Concello de Bueu.
O xurado, do que formaron parte o xornalista do Faro de Vigo, César Collarte, o historiador local e gañador da pasada edición, Arturo S. Cidrás, e o presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, Manuel A. Mosteiro, salientou a “orixinalidade do personaxe protagonista da crónica realizada á figura de Xulio Calviño”. Tamén valorou o traballo exhaustivo de investigación, presentado a través dunha prosa fluída, inzada de referencias históricas, mitolóxicas e literarias. (…)”