Anxo Angueira: “A presenza social de Rosalía, na rúa e na escola, medrou exponencialmente”

Entrevista a Anxo Angueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Desde 2010 é vogal da Fundación. Como e por que chega a integrarse nela?
– Anxo Angueira (AA): Fun proposto pola executiva existente daquela e elixido polo plenario en substitución de Avelino Abuín de Tembra, chorado veciño, artífice entre outras cousas da Ruta Rosaliana.
– ND: Desde o seu acceso á presidencia en 2012 a Fundación pasou dunha taxa de autofinanciamento de 20% a 45% en 2019. Como foi isto posíbel?
– AA: Fixemos un traballo de dinamización, modernización e apertura en múltiples aspectos e aproveitamos o 150 aniversario de Cantares gallegos para darlle pulo a Rosalía e á súa Casa. A renovación a fondo que se fixo incrementou tamén o número de entradas e de vendas.
– ND: Por que é importante ter esta independencia económica?
– AA: Pois por cousas como a pandemia deste ano. Sobrevivimos grazas á colaboración conseguida co proxecto Amigos da Casa de Rosalía. A independencia económica faite evidentemente máis libre. Pero neste sentido quero recalcar tamén que iso está na xenética da Casa de Rosalía.
O proceso de compra ou de conversión en Casa-Museo fíxose como un proceso colaborativo, como unha causa nacional. Queremos volver a iso e, ademais, darlle a canle necesaria a moitas persoas para poderen participar do proxecto e implicárense na protección do que é un dos grandes emblemas que nos une.
– ND: Tamén entre 2012 e 2019 as visitas á Casa-Museo medraron 260%. Como valora este dato?
– AA: Hai que valoralo moi positivamente, claro. Agora ben, o mérito non é exclusivamente da Fundación. Cómpre ter en conta a forza extraordinaria que nos últimos anos Rosalía adquiriu, non só na Galiza. A súa presenza social, na rúa e na escola, medrou exponencialmente.
E ese é un éxito de todos, pero especialmente dela, do vivos que están os seus grandes perfís como intelectual e escritora. E a Fundación ten que estar á beira deste fervedoiro e aberta á promoción e dinámica das súas enerxías.
– ND: Cales son os obxectivos de cara aos próximos anos?
– AA: Un dos máis importantes obxectivos que temos agora mesmo diante é o da proxección internacional de Rosalía e da súa Casa. Xa levamos unha edición do programa Rosalía en Camiño, que trae a Padrón e á Galiza escritores de diferentes linguas e culturas, pero queremos tamén traballar nas traducións da súa obra e integrarnos nos programas europeos. Cómpre en todo caso estar no posíbel á altura da muller que temos a obriga de representar.”

Faleceu Avelino Abuín de Tembra

O fundador do padroado Pedrón de Ouro Avelino Abuín de Tembra faleceu a pasada madrugada en Santiago de Compostela. Nacido en Imo, Dodro, en 1931, o escritor e profesor Avelino Abuín de Tembra deixa unha amplísima obra xornalística con máis de oito mil artigos aparecidos en publicacións do país, españolas e latinoamericanas. Foi tamén o promotor do premio de poesía “Eusebio Lorenzo Baleirón” e dende a Comisión de Cultura da Fundación Rosalía de Castro impulsou a creación da “Ruta Rosaliana”.