Mañá sábado día 28 de novembro, ás 19:00 no Salón nobre do Liceo de Ourense, organizado por Edicións Xerais de Galicia e O Liceo de Ourense, terá lugar a presentación do libro Historia de Ourense, de Marcos Valcárcel. Intervirán no acto Francisco Rodríguez (alcalde de Ourense), Alfonso Vázquez Monxardín (profesor), Manuel Bragado (editor) e o autor.
Arquivos mensuais: Novembro 2008
A Coruña: conferencia de Henrique Rabuñal na UIMP
O escritor e profesor Henrique Rabuñal intervén na Universidade Internacional Menéndez Pelayo dentro do curso consagrado ao 800 aniversario da Coruña para falar da relación entre a poesía galega e a cidade herculina. O acto é o venres 28 ás 16.30 da tarde na Fundación Luís Seoane e leva como título “A Coruña no espello dos seus poetas”.
Henrique Rabuñal é autor de dúas obras de temática coruñesa: Poemas coruñeses (2008) e A Coruña na historia (1999). Poemas coruñeses leva un prólogo do alcalde Javier Losada, foi editado dentro das actividades do proxecto “A Coruña 800” e contén unha antoloxía de poesía galega sobre a A Coruña de autores e autoras dos séculos XIX e XX, desde Rosalía de Castro ata Manuel Rivas.
Henrique Rabuñal é un dos autores do volume A Coruña á luz das letras, de recente publicación, no que múltiples autores actuais evocan a cidade do Faro.
Feira internacional do libro de Guadalajara (México): do 29 de novembro ao 7 de decembro
«[…] A Asociación Galega de Editores contará por segunda vez, en colaboración coa Xunta de Galicia, con stand propio na Feira Internacional do Libro de Guadalajara. Dito espazo acollerá as últimas novidades da proposta editorial de vinte e catro editoriais pertencentes á AGE: Editorial 3C3, Baía Edicións, Ideaspropias Editorial, Biblos Clube de Lectores, Ir Indo Edicións, Editorial Toxosoutos, Faktoría K de Libros, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Edicións Positivas, Edicións Nigra Trea, Edicións Laiovento, Editorial Galaxia, Editorial Alvarellos, Everest Galicia, Ediciones Embora, Edicións do Cumio, Editorial Dos Acordes, Rodeira, A Nosa Terra, Edicións Xerais de Galicia, Hércules de Ediciones, Tórculo Ediciones e OQO Editora.
Para completar a delegación galega estarán presentes en México once editores en representación das súas editoriais: Alfonso García Sanmartín, de Editorial Rodeira; Francisco Villegas, de Ellago Ediciones – Edicións do Cumio; Bieito Ledo, de Ir Indo Edicións; Laura Rodríguez, de Hércules de Ediciones; Víctor F. Freixanes, de Editorial Galaxia; Carlos del Pulgar e José Manuel Cabo, de Nova Galicia; Xosé Ballesteros, de Kalandraka Editora; María Inmaculada Fontarigo, de Faktoría K de Libros; Lucila Ventoso, de Tórculo Edicións; e Eva Mejuto, de OQO Editora. […]» (AGE)
Novo número de Foeminas (Revista Virtual de Xénero)
Xa está disponíbel o número 31 da revista foeminas. Para consultala, só é preciso entrar na web da revista.
Foeminas chega ao seu número o 31 celebrando o seu terceiro aniversario e conmemorando o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Estas datas están totalmente relacionadas como o demostran, na nosa Portada, os artigos “Un aniversario máis” e “VII Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero”.
Tamén ofrecemos na Portada unha breve reflexión sobre este terceiro aniversario de Foeminas titulado “E que cumpras moitos máis.”. Neste espazo ademais expoñemos a sección habitual Contemporáne@ dedicada á frautista galega Alicia Val Basanta e unha entrevista realizada por Cristina Corral Soilán á recoñecida cociñeira Beatriz Sotelo Sequeiros quen acaba de recibir un premio polo seu traballo.
Historia de Mulleres presenta a primeira parte da vida da mundialmente coñecida pintora Maruja Mallo e na Galería de Arte un artigo sobre Nancy Spero de Luz Darriba.
Mullerciclopedia achéganos a crítica do libro de poemas “Esencia de trementina” de Cristina Corral Soilán realizada por Esperanza Carballos. Este libro foi recentemente publicado e presentado e conta cun enorme valor afectivo para a nosa revista.
Para rematar, poderán gozar das nosas seccións tradicionais como “Viaxeiras”, “Foeminas panorámica,” “Mullerecetario” e “Noticias” con novas e renovadas achegas.
Compostela: presentación da última edición de Vencello
O 27 de novembro de 2008, ás 20:00 na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), terá lugar a presentación da última edición do libro Vencello, manual creado polo equipo do Proxecto Galauda e que se emprega nas aulas de galego dos oito Institutos de Secundaria de Cataluña que ofrecen materias de lingua e cultura galegas. A obra está
deseñada de xeito que os contidos de lingua, cultura e literatura se combinan para que os estudantes accedan a eles na súa dimensión máis ampla, de maneira que a lingua se vaia aprendendo dentro do seu contexto cultural.
Na presentación intervirán Rosario Álvarez (profesora da USC e membro da Real Academia Galega), Carlos Callón (presidente da Mesa pola Normalización Lingüística), Sabela Labraña (directora do Proxecto Galauda) e Valerià Paül (coordinador do Vencello).
A AELG fai o inventario de 94 casas de escritores e escritoras galegos
A súa catalogación posibilitaría a adquisición futura da categoría de Bens de Interese Cultural
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellaría de Cultura e Deporte, ten elaborado dous inventarios, correspondentes aos anos 2007 e 2008, que recollen un total de 94 casas de escritores e escritoras galegos.
A sociedade galega e as súas institucións son depositarias e debedoras, e polo tanto responsábeis, da divulgación e conservación do legado outorgado polo traballo inxente das escritoras e os escritores que nos precederon na construción da nosa cultura nacional.
Parte fundamental do patrimonio literario herdado son as casas onde naceron ou viviron os nosos escritores e escritoras pola importancia que estes espazos tiveron nas súas biografías e obras e, en consecuencia, para a nosa historia colectiva e tamén para a historia cultural das nosas aldeas, vilas e cidades.
O seu estudo e documentación constitúe, pois, un deber e unha oportunidade de crecemento cultural e mesmo económico, constituíndo un primeiro paso para a súa inclusión no inventario do patrimonio cultural de Galiza. Así mesmo permite que a súa importancia sexa tida en conta nos diversos Plans Xerais de Ordenamento Municipal que están en andamento, converténdoos en ferramentas de defensa da nosa memoria literaria e simbólica.
O inventario feito pola AELG inclúe, alén dun levantamento fotográfico, unha memoria literaria dos lugares onde viviron e sentiron os nosos escritores e escritoras, o cal pode posibilitar a creación de unidades didácticas que axuden na divulgación do noso sistema literario.
Persegue tamén o inventario a inserción do patrimonio inmobiliario dentro doutro inmaterial: os roteiros literarios, rutas urbanas ou rurais que permitirían coñecer outros lugares importantes na vida do escritor, converténdose en museos ao aire libre. Deste modo sería tamén factíbel a adquisición futura da categoría de Bens de Interese Cultural.
Esta posta en valor pode atender igualmente a crecente demanda de turismo alternativo e de calidade que convén ao noso país, complementando a oferta cultural que nas vilas, e particularmente no rural, tanto necesita o noso tecido hostaleiro, que se está convertendo nunha vía de emprego e de fixación de habitantes nas zonas con declive poboacional.
Desde a AELG contémplase como imprescindíbel achegar á sociedade os contidos xerados a través das novas ferramentas da información, nomeadamente internet, coa posta a disposición dos mesmos a través de mapas interactivos e visitas virtuais que conviden a unha visita ao espazo físico, real. Contidos que estarán proximamente na web da asociación a disposición dos visitantes.
Premios Barbantia da Cultura 2008
O sábado 29 de novembro, ás 12 h:00 no Auditorio Municipal de Ribeira, A Asociación Cultural Barbantia entrega os seus premios Anuais da Cultura e mais presenta o seu Anuario de Estudos correspondente ao 2008. Desta volta, a votación dos socios decidiu os seguintes galardóns:
*Premio Barbantia da Cultura Galega: Alfonso Costa Beiro.
*Premio Barbantia á Traxectoria Cultural no Barbanza: Manuel Dourado Deira.
*Premio Barbantia á Iniciativa Cultural no Barbanza: Museo Etnográfico de Artes.
O premio consiste nun sireno de bronce feito polo escultor barbancés, Manuel Teira, e inspirado no gravado do artista Fran Blanco Alcaide.
A Coruña: presentación do poemario Ave de luz, de Xosé Abeal
O mércores 26 de novembro, ás 20:00 na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) terá lugar a presentación do poemario Ave de luz (Edicións Espiral Maior), de Xosé Abeal. O acto contará coa participación de Xulio Valcarcel, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello e do autor.
Ferrol: presentación do Foro Social Galego
O Venres día 28 de Novembro, ás 20:00 horas no Salón de Actos do Ateneo Ferrolán, terá lugar unha presentación do
FSG (Foro Social Galego). A inauguración do Foro Social Galego será o venres 5 de decembro ás 18:30 horas no Auditorio de Galiza (Sala Mozart).
A Coruña: conferencia de Xosé María Álvarez Cáccamo sobre Álvarez Blázquez
O venres 28 de novembro, ás 20:30 no Salón de Actos da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, terá lugar a conferencia “Xosé María Álvarez Blázquez: a terra, os libros, a poesía”, a cargo de Xosé María Álvarez Cáccamo.