Organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, o escritor Francisco X. Fernandez Naval ven impartindo un obradoiro de creación literaria no IES “David Buján” de Cambre.
A primeira xornada celebrouse o pasado día 1, e a segunda será mañá día 4, para pechar o obradoiro nas xornadas correspondentes aos días 11 e 15 do mes que nadamos.
Tocante aos obradoiros de creación literaria, considera a AELG que o contacto persoal cos escritores e coas escritoras, o uso da biblioteca e as diversas actividades de animación á lectura, deben servir para crear hábitos lectores, eliminar prexuízos contra os libros e melorarr a competencia lectora da nosa mocidade.
Asemade, estima a asociación dos escritores galegos que un novo enfoque na educación debe poñer o acento na adquisición de hábitos lectores, no goce do texto durante a infancia e a adolescencia, como antesala dun achegamento máis complexo e reflexivo que dea entrada no inicio á creación literaria.
Arquivo da categoría: Actividades AELG
A AELG emitirá en directo esta tarde desde o Culturgal
Desde hoxe xoves 4 até o domingo 7 de decembro a Axenda Cultural actualizarase desde o Culturgal, no edificio Palexco da Coruña.
Para alén da atención no stand nº 38 da feira, que convidamos a visitar, a AELG desenvolverá a actividade Falemos de libros, un espazo de información ao vivo a través de internet en que 48 dos nosos escritores e escritoras comentarán desde a feira as noticias máis frescas da súa actualidade creativa. Será desde a páxina da AELG, no espazo “Aula de escritores”. Será de 17:00 a 20:00.
Entrar por aquí:
+
Nota: quen non dispoña do software necesario debe consultar a breve recomendación da marxe dereita.
Polafía en Riotorto
O sábado 6 de decembro de 2008, ás 18:00 no Mazo da Fraga de Ferreiravella, terá lugar unha Polafía baixo o epígrafe “De contos cos ferreiros”. Actuará tamén o músico Xavier Blanco.
Coa colaboración da Asociación Cultural “Arrincadeira” e do Concello de Riotorto. Organiza: AELG. Patrocina: Vicepresidencia Primeira, Área de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo.
A AELG fai o inventario de 94 casas de escritores e escritoras galegos
A súa catalogación posibilitaría a adquisición futura da categoría de Bens de Interese Cultural
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellaría de Cultura e Deporte, ten elaborado dous inventarios, correspondentes aos anos 2007 e 2008, que recollen un total de 94 casas de escritores e escritoras galegos.
A sociedade galega e as súas institucións son depositarias e debedoras, e polo tanto responsábeis, da divulgación e conservación do legado outorgado polo traballo inxente das escritoras e os escritores que nos precederon na construción da nosa cultura nacional.
Parte fundamental do patrimonio literario herdado son as casas onde naceron ou viviron os nosos escritores e escritoras pola importancia que estes espazos tiveron nas súas biografías e obras e, en consecuencia, para a nosa historia colectiva e tamén para a historia cultural das nosas aldeas, vilas e cidades.
O seu estudo e documentación constitúe, pois, un deber e unha oportunidade de crecemento cultural e mesmo económico, constituíndo un primeiro paso para a súa inclusión no inventario do patrimonio cultural de Galiza. Así mesmo permite que a súa importancia sexa tida en conta nos diversos Plans Xerais de Ordenamento Municipal que están en andamento, converténdoos en ferramentas de defensa da nosa memoria literaria e simbólica.
O inventario feito pola AELG inclúe, alén dun levantamento fotográfico, unha memoria literaria dos lugares onde viviron e sentiron os nosos escritores e escritoras, o cal pode posibilitar a creación de unidades didácticas que axuden na divulgación do noso sistema literario.
Persegue tamén o inventario a inserción do patrimonio inmobiliario dentro doutro inmaterial: os roteiros literarios, rutas urbanas ou rurais que permitirían coñecer outros lugares importantes na vida do escritor, converténdose en museos ao aire libre. Deste modo sería tamén factíbel a adquisición futura da categoría de Bens de Interese Cultural.
Esta posta en valor pode atender igualmente a crecente demanda de turismo alternativo e de calidade que convén ao noso país, complementando a oferta cultural que nas vilas, e particularmente no rural, tanto necesita o noso tecido hostaleiro, que se está convertendo nunha vía de emprego e de fixación de habitantes nas zonas con declive poboacional.
Desde a AELG contémplase como imprescindíbel achegar á sociedade os contidos xerados a través das novas ferramentas da información, nomeadamente internet, coa posta a disposición dos mesmos a través de mapas interactivos e visitas virtuais que conviden a unha visita ao espazo físico, real. Contidos que estarán proximamente na web da asociación a disposición dos visitantes.
Compostela: conferencia de Jorge Marmelo
Organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, mañá martes día 25 do mes que andamos, ás 19,30 horas no salón de actos da Escola Oficial de Idiomas de Compostela (rúa Ulpiano Villanueva, 1-2), o escritor e xornalista portugués Jorge Marmelo dictará unha conferencia baixo título “A literatura como diamante que faz explodir ao contrário”.
Jorge Marmelo naceu en Porto en 1971, onde exerce como xornalista desde 1989. En 1996 inicia o seu periplo como escritor de ficción coa obra O homem que julgou morrer de amor, para publicar logo Portugués, guapo y matador (1997); “Nome de tango” (1998); As mulheres deviam vir com livro de instruções (1999); O amor é para os parvos (2000); Palácio de cristal, jardim paraíso (2000); Sertao dourado (2001); Paixoes & embirrações (2002); Oito cidades e uma carta de amor (2003); A menina gigante (2003); Os fantasmas de Pessoa (2004); O silêncio de um homem só (2004, Grande Prémio do Conto Camilo Castelo Branco); Os olhos do homem que chorava no rio (2005) e O peixe Baltazar (2005). Publica habitualmente textos e contos en diferentes antoloxías e publicacións de Portugal, Brasil, México e Francia.
Polafía en Friol
O sábado 22 de novembro de 2008, ás 18:00 no Museo Etnográfico de San Paio de Narla, intervirá nesta Polafía o músico ANTÓN CASTRO, de Álvaro do Sixto, “O novo Laxe”, e veciñas e veciños do concello de Friol.
Colaboran: Asociación de Mulleres Rurais “Fonte da Xonza” / Asociación Cultural “Cova da Serpe” / Museo Etnográfico de San Paio e Rede Museística da Deputación de Lugo. Coordinadores: Isidro Novo e Antonio Reigosa. Divulgador: Antonio Reigosa. Recitador: Isidro Novo.
Organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega e patrocina a Vicepresidencia Primeira, Área de Cultura da Deputación de Lugo.
Cee: Miro Villar comandará un obradoiro de creación literaria
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, en colaboración co Xacobeo, organiza un obradoiro de creación literaria titulado “Encontros no Camiño”, que será impartido polo escritor Miro Villar, no CEIP Eugenio López de Cee, os días 18, 19, 20, 25 e 27 do mes que andamos.
Polafía en Vilamartín de Valdeorras
Será no Centro Sociocultural “Santa Lucía” o sábado 15 de novembro de 2008 ás 17:00. Coa intervención do músico Xavier Blanco e de veciñas e veciños da comarca de Valdeorras. Colaboran : Agrupación Cultural “Abertal” / Asociación de Mulleres Rurais “Cima de Vila” / Xornal “O Sil” e concello de Vilamartín de Valdeorras.
Divulgador: Antonio Reigosa; recitador: Isidro Novo.
Ao remate celebrarase un magosto popular organizado pola Asociación de Mulleres Rurais “Cima de Vila”.
“As polafías son unha proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións e institucións.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías terán unha duración aproximada de arredor de 90 minutos.”
Quinta quenda de obradoiros de literatura
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, en colaboración co Servizo Galego de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, comezou o 30 de outubro unha nova quenda de 2 obradoiros de creación literaria.
O primeiro foi impartido na Biblioteca Municipal de Lourenzá por Mª Xosé Lamas. O segundo, con resonsabilidade de Antía Otero, terá lugar na Casa da Cultura de Sada o 14 de novembro ás 19:00.
O obxectivo xeral é o de contribuír á dignificación da identidade feminina a través da literatura, colaborando na visibilización da obra das nosas escritoras, reflexionando e demostrando a existencia dunha escrita feminina.
Fotos Galeusca 2008