María Reimóndez no II Encontro Cidade da Coruña (vídeo)

Entrevista e fragmentos do debate da primeira sesión do II Encontro Cidade da Coruña (2009), baixo o lema Mulleres na Literatura. A palestra de María Reimóndez tiña por título Por min e polas miñas compañeiras, e tratou sobre as visibilidades e invisibilidades das escritoras galegas.

O II Encontro Cidade da Coruña desenvólvese na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11). Tralas intervencións de María Reimóndez (24 de abril), Elena Poniatowska (8 de maio) e Marilar Aleixandre (15 de maio), o ciclo pechará o próximo venres 22 de maio cunha conferencia de Teresa Moure. Estas xornadas contan co patrocinio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e están organizados pola AELG.

Gañadores dos Premios AELG 2009

cea-das-letras-premiados

Na celebración da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foron entregados os premios á mellor obra publicada no 2008 nas modalidades de ensaio, literatura infantil e xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística e blog literario, así como á institución que salientara na defensa e difusión da nosa cultura.

Os galardóns, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.

Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados/as á AELG -coa participación dos socios/as de Gálix para elixir a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e dos membros do Colexio de Xornalistas para a modalidade de Traxectoria xornalística-, elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que os socios e socias emitiron de novo o seu voto nunha segunda quenda para elixir as obras gañadoras dos Premios AELG. Unha vez computados os votos, os gañadores do Premio AELG ás mellores obras publicadas no 2008 son:

Ensaio: Miguel Anxo Murado, pola súa obra Fin de século en Palestina (Galaxia)

cea-das-letras-lix

Literatura Infantil e Xuvenil: Xabier P. DoCampo, pola súa obra O libro das viaxes imaxinarias (Edicións Xerais de Galicia)

Poesía: Xulio L. Valcárcel, pola súa obra A melancolía dos corpos (Ediciones de la Sociedad de Cultura Valle-Inclán)

Narrativa: Inma López Silva, pola súa obra Memoria de cidades sen luz (Galaxia)

Tradución: Gonzalo Navaza, pola tradución da obra As flores do mal, de Charles Baudelaire (Galaxia)

Teatro: Teresa Moure, pola súa obra Unha primavera para Aldara (Deputación Provincial de A Coruña)

cea-das-letras-romani

Mellor traxectoria xornalística: Ana Romaní

cea-das-letras-valcarcel

Blog Literario: Marcos Valcárcel, polo seu blog As uvas na solaina

Institucións: Sección de Literatura do Liceo de Ourense

cea-das-letras-poniatowska-1

Escritora Galega Universal: Elena Poniatowska

Discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias: Vídeo

Lectura e entrega dos Premios AELG 2009: Vídeo

(Vídeos retransmitidos en streaming durante a Cea das Letras no portal Blogaliza)

Mañá entréganse os Premios AELG 2009

Achégase a data de celebración dun dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega: os Premios AELG, uns galardóns que, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario. No transcurso da Cea das Letras, que se celebrará mañá sábado 9 de maio no Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela, recoñecerase a mellor obra publicada no 2008 en cadanseu xénero: Ensaio, Literatura Infantil e Xuvenil (en colaboración con Gálix), Poesía, Narrativa, Tradución (en colaboración coa Asociación Galega de Tradutores), Teatro e Traxectoria Xornalística (que premiará o/a autor/a coa mellor traxectoria xornalística do 2008, e para cuxa elección se contará cos votos dos/as membros do Colexio de Xornalistas). Na edición deste ano incorporase o premio ao Mellor Blog Literario. Igualmente premiarase á Institución que, segundo os escritores e escritoras galegos, fixera unha labor destacada en prol da nosa cultura, premio que nesta ocasión lle corresponde á Sección de Literatura do Liceo de Ourense, personificada na figura de Marcos Valcárcel.

Á cea asistirá a escritora e xornalista Elena Poniatowska, galardonada coa distinción Escritora Galega Universal.

Finalistas dos premios AELG 2009

A AELG promove “Encontros literarios”

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg) promove a celebración duns encontros literarios, impartidos por escritoras socias desta entidade e dirixidos fundamentalmente a mulleres. Coa celebración destes encontros, patrocinados polo Servizo Galego de Igualdade da Xunta de Galicia, a Aelg propón un novo achegamento á educación literaria, que pon o acento na adquisición de hábitos lectores, na utilización de novos criterios para a selección de obras de lectura e no goce do texto, como antesala dun achegamento máis complexo e reflexivo ao eido literario.

Os centros onde se celebrarán os encontros, e as escritoras participantes son:

8 de maio, de 18,00 a 20,00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Xinzo de Limia, con María Canosa

29 de maio, de 16,30 a 18,30 horas no Centro Sociocultural de Samos, con Marica Campo.

18 de xuño, de 17,30 a 1930 horas na Biblioteca de Oza dos Ríos, con Emma Couceiro.