3C3 Editores cumpre 10 anos

“Nesta segunda semana do mes de marzo de 2011 fará dez anos da fundación en Santa Comba de Xallas do selo editorial tresCtres Editores, 3C3. Respondendo a unha iniciativa dos empresarios das artes gráficas, irmáns Pichel López –imprenta Eurográficas–, dous profesores do IES Terra de Xallas –X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia) e Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas)– poñían a andar este proxecto, asumindo colexiadamente a súa dirección editorial. Cando se está a cumprir este 10º aniversario de 3C3 son xa un cento os títulos editados ó longo desta década, 2001-2011, cunha xeitosa nómina de autores. Tendo en conta as súas tiraxes medias, pódese afirmar que dende aquela uns cen mil exemplares no seu conxunto pasaron a enriquecer o mundo editorial, continuando no século XXI a facer realidade aquilo que se lle dicía ós medios na xuntanza fundacional: queremos seguir facendo posible hoxe aquí o milagre de Johannes Gutenberg. 3C3 continúa arestora cos seus proxectos de coleccións e edicións. Proximamente ten proxectada a renovación da páxina web tresctres.com, enchéndoa de novos deseños, recursos e contidos. Séguese na idea de editar ó redor dunha ducia de novos títulos cada ano, seleccionando ben os orixinais e coidando a calidade, interese e variedade das súas edicións.”

Santiago: exposición conmemorativa da primeira década da Asociación Cultural O Galo

Do martes 15 de marzo ao martes 19 de abril, con horario de 18:30 a 21:00 h., no local da Asociación Cultural O Galo (Praza de San Miguel dos Agros 5, baixo) de Santiago de Compostela, terá lugar unha mostra conmemorativa dos 10 primeiros anos de vida desta Asociación, con motivo dos 50 anos da súa existencia. Organizada pola Fundación 10 de marzo en colaboración co Galo e a Concellaría de Cultura, inaugúrase o martes 15 de marzo ás 20:00 h. Deixamos aquí este díptico coa información: Exposición conmemorativa O Galo 2011.

Laiovento: “Se aguantamos 20 anos, seguiremos”

Longa reportaxe sobre Laiovento en Galicia Hoxe:
“(…) O director de Laiovento [Francisco Pillado] insiste, por outra banda, en desbotar o tópico do mundo editorial galego como un sector subvencionado por cartos públicos. “O que fai a Xunta é mercar libros para dotar o sistema de bibliotecas galego. Vendémoslles libros, cun desconto importante. Niso consiste a axuda, non hai subvencións”, remarca.
Respecto disto, Suso Couceiro opina que o papel da Xunta debería ser, máis ben, “crear as condicións para que as empresas puidesen funcionar sen axudas. Favorecer, por exemplo, a comercialización dos libros, promocionar os libros. Se as editoras venden directamente nas bibliotecas e nos centros de ensino, nin os profesores nin os alumnos van ás librarías. Hai 20 anos era moito máis limitado o campo das editoras. E eu creo que as editoras aínda deben aumentar moito: ten que haber máis, e máis grandes, e teñen que publicar máis. Eu hai moito que digo que me gustaría que houbese tantas librarías como tabernas, en vez de ir pechando editoras e librarías”, comentou.
Para Pillado, a promoción do libro é tamén unha das eivas que aínda se manteñen. “Tería que haber festas da cultura galega que chegasen a todos os recantos do país. Festas que levasen o libro, a música, o teatro, a todos lados. E non só un Día das Letras Galegas. Moitos libreiros non contrubúen, tampouco, a visibilizar o libro galego, pois non poñen os libros galegos nos escaparates. Non é o caso de Suso, claro, unha das persoas que máis saben de libro galego, e que nos presta o seu almacén para os nosos libros, o seu local para o que precisemos…”, subliñou. (…)”

AELG: Acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) vai celebrar o vindeiro 15 de xullo un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, que tivo lugar o 25 de maio de 1891.
Organizado pola AELG, o cortexo cívico conta co apoio e colaboración de diversos colectivos, como as asociacións culturais O Galo, Medulio, Auriense, Maio Longo, Solfa e a asociación cultural de Meira, e fundacións como Manuel María e Bautista Álvarez, entre outras organizacións culturais que se irán sumando ao longo destas semanas.
Un tren, identificado como Follas Novas, partirá da estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, o xoves día 15 de xullo ás 16,30 horas, para facer o traxecto Padrón-Compostela. Previamente, haberá unha concentración na colexiata de Santa María de Iria, no cemiterio de Adina, onde o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, informará do sentido dos actos, á vez que se lerá un poema de Rosalía de Castro.
Na estación de Compostela agardará a comitiva restante, actuando a banda municipal. Xa en Santiago, o cortexo sairá pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural, primeira parada da comitiva, onde haberá unha lectura de tres poemas de Cantares Gallegos (“A gaita gallega”, “Castellanos de Castilla” e “Eu cantar, cantar, cantei”), para continuar pola Praza da Universidade e pola Praza de Cervantes, onde se lerán outros poemas de Rosalía.
Finalmente, en San Domingos de Bonaval celebrarase unha audición do Ángelus, de Massenet, e unha lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións do diversos grupos musicais e artistas participantes, para rematar o acto coa lectura dun comunicado reivindicativo da figura de Rosalía de Castro, cando se cumpren 125 anos da súa morte.