“Entre dous séculos”: III Encontro de Escritores/as Novos/as

Pazo de MariñánA Asociación de Escritores en Lingua Galega, co apoio da D. X. de Xuventude e Solidariedade, da Deputación da Coruña e da S. X. de Política Lingüística, está organizando para os días 26 e 27 de setembro o III Encontro de Escritores/as Novos/as, no Pazo de Mariñán.

Dáse así continuidade a esta actividade cuxa segunda edición tivo lugar en 2002. Á volta de seis anos é tempo de que, co lema “Entre dous séculos”, teñamos ocasión de revisar a creación máis nova do noso sistema literario, concretamente a daqueles/as autores/as que comezaron a publicar desde os noventa até o día de hoxe. Para isto, prográmanse catro mesas redondas cos seguintes títulos e relatores/as:

-Cartografías literarias no novo século: Oriana Méndez, Mario Regueira, Rubén Ruibal.

-Presenza e invisibilidade das/os escritoras/es na sociedade actual: Iolanda Aldrei, Ana Acuña.

-A literatura. Internet e novas tecnoloxías: Lara Bacelo, Leo Campos, Eduardo Estévez.

-Literatura, sociedade, nación: María Reimóndez, Rafa Villar, Carlos Negro.

Museo de Belas Artes da CoruñaHaberá tamén un recital no Museo de Belas Artes da cidade da Coruña co título xenérico de “Antes mort@s que solemnes”.

A actividade está aberta a todos os asociados/as, aínda que vai enfocada especialmente aos/ás que veñen publicando desde os 90 até a actualidade, e que terán prioridade dado o límite de prazas do Pazo de Mariñán. É por iso que desde xa se abre o prazo para solicitalas, que se estende até o 12 de setembro. De resto, a asignación farase, alén de polo criterio xa citado, por estrita orde de chegada da solicitude a este mesmo mail. A Asociación faise cargo de todos os gastos de estancia.

A Aelg editará un número da súa revista Escrita Contemporánea coas Actas deste encontro. Nelas, ademais das intervencións nas mesas redondas, e co ánimo de ter unha visión máis completa do tema proposto, quérese dar oportunidade a todos os socios/as da Aelg que empezaran a publicar desde os 90 até hoxe, de que nos envíen en forma de texto (4 páxinas de 1800 caracteres como máximo), a súa reflexión persoal de como ven situada a súa persoal traxectoria creadora dentro do sistema literario; a reflexión estenderase tamén a analizar se o concepto de xeración é válido para entender a nova produción literaria, ou se deixou de ter utilidade tendo en conta que as recentes tecnoloxías permiten desenvolver formas de creación, de difusión e colaboración inéditas; así mesmo, as achegas poderán concluír se hai ou non os suficientes elementos novidosos na escrita dos novos/as que permitan caracterizala no seu conxunto. Estas achegas entregaranse neste mesmo mail até o 15 de outubro.

(O Consello Directivo da Aelg)

Bos Aires: V Xuntanza aberta do obradoiro ‘Cousas de mulleres’

(Bos Aires, 30 de xulio) – O colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata organiza o sábado 9 de agosto a quinta xuntanza dos seus obradoiros “Cousas de Mulleres” coa intención de abrir un espazo para a voz das mulleres, un sitio no que elas sexan escoitadas e teñan a liberdade de falar de todo canto viven, pensan e sinten.

A cita será na Asociación hijos del ayuntamiento do Porto do Son o vindeiro sábado 9 de agosto ás 15,30 horas na rúa Mariano Acosta 240, da localidade de Avellaneda.

Os obradoiros vivenciais están a percorrer as institucións da colectividade galega en Bos Aires, alí onde cada centro ou asociación abra as súas portas. “Unha vez ao mes abrimos estes faladoiros onde o que buscamos é escoitarnos, é falar do que nos pasa como mulleres, como emigrantes, como nais ou fillas ou avóas ou netas, como traballadoras ou como personas no paro. Falar, ou sexa, do noso vivir como mulleres”, detallaron dende Herbas de Prata. Máis información en herbasdeprata@gmail.com.

“Unha noite na biblioteca” de Gondomar

«O vindeiro sábado 21 de xuño celebraremos unha experiencia innovadora e atrevida no ámbito do fomento da lectura: unha noite na biblioteca, organizado por Espazo Lectura coa colaboración do Concello de Gondomar. O programa […] consta de dúas partes. A primeira é para nenos e nenas de todas as idades e a asistencia é totalmente libre e celebrarase no exterior, na Praza de Portugal, diante da Biblioteca. A segunda parte do programa celebrarase na biblioteca e é necesario inscribirse. Hai 25 prazas e daráselle preferencia aos nenos e nenas que participaron ao longo do curso nas nosas actividades de fomento da lectura (Contomar ou Lendo Contigo). Estamos seguros de que será unha fermosa e intensa noite de pixamas na biblioteca. […]» (Espazo Lectura)

Xabier Docampo ofrecerá este xoves unha charla sobre oralidade eliteratura

O escritor Xabier Docampo ofrecerá este xoves unha charla sobre oralidade e literatura. A VIII Campaña de Animación á Lectura ‘O eco da memoria’ -organizada pola Concellaría de Educación de Santiago e a editorial Kalandraka- celebra esta semana dúas actividades formativas para adultos impartidos pola Asociación Baión de Tratamento do Autismo (BATA) e o escritor Xabier Docampo.
O mércores 23, coincidindo co Día do Libro, a educadora María Alonso González, de BATA, impartirá unha charla titulada “Animar a ler dende a diversidade: o ritmo e a lectura”, na que vai ofrecer métodos para o achegamento ao libro para as persoas con discapacidade intelectual. (KALANDRAKA)

María Reimóndez pronta para a conversa en Carballo

O Concello de Carballo, o Café Valle Inclán e a Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños organizan unha conversa con María Reimóndez, autora d’ O club da calceta, dentro do proxecto Literactúa. Será o mércores 27 de xuño ás 20:30 horas no Café Valle Inclán (Rúa Valle Inclán, 32) de Carballo. A autora será presentada por Fina Bastón, da Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños.