Vigo: mesa redonda sobro a narrativa actual

No contexto do III Ciclo de conferencias Escritores/as na Universidade, e xa celebradas en días anteriores as mesas redondas sobre os xéneros poético e teatral, mañá xoves día 30 de outubro, ás 12:00 no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, celebrarase unha nova mesa redonda nesta ocasión sobre “O xénero narrativo na actualidade”. Con presentación de Gonzalo Navaza, intervirán na mesa Francisco Castro, Xosé Miranda e Rexina Vega.

II Bienal Literaria Internacional “De pedra e de palabra”

Terá lugar no Auditorio do CGAC do 25 ao 30 outubro 2008, con organización do Centro P.E.N. de Galicia, patrocinio do Consorcio de Santiago e colaboración de: International P.E.N., Consellería de Cultura e Deporte, USC, S. X. de Política Lingüística, CGAC, Deputación de Pontevedra, Museo do Pobo Galego, Ministerio de Cultura e NERIA.

PROGRAMA Sigue lendo

III Ciclo de Conferencias “Escritores/as na Universidade”

A Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas Facultade de Filoloxía das Universidades da Coruña e Vigo, achegarán á comunidade universitaria e á sociedade en xeral desde o 15 de outubro a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras (ver programa).
Farase un acto de inauguración do ciclo o día 16 de outubro, na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, coa presenza do Vicerreitor de Relacións Institucionais, Sr. D. Iván Area, do Decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, Sr. D. Joaquín Sueiro Justel, do Departamento de Filoloxías Galega e Latina, Sr. D. Anxo Lorenzo Suárez e polo Consello Directivo da Aelg a escritora Marta Dacosta.

VI Encontro de escritores ourensáns, dedicado a Manuel Curros Enríquez

A Sección de Literatura do Liceo de Ourense, co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, convoca o VI Encontro de Escritores Ourensáns nunha xornada dedicada ao Centenario de Manuel Curros Enríquez, para o vindeiro venres, 17 de outubro a partir das oito e cuarto da tarde no Liceo de Ourense. Programa. (Liceo de Ourense)

Vigo: “¿Cara onde vai a literatura galega?”, mesa redonda con Suso de Toro, Rexina Vega, Antón Figueroa e Carlos Lema

O mércores 8 de outubro, ás 20:00 na Sala de Conferencias do Centro Social Caixanova (Policarpo Sanz, 24-26), terá lugar unha mesa redonda con tema “¿Cara onde vai a literatura galega?”, que contará coa participación de Suso de Toro, Rexina Vega e Antón Figueroa. Moderará Carlos Lema. O acto realízase no contexto da exposición “Galicia 25. Unha cultura para un novo século”.

Foro Academia Aberta 2008: A lingua fendida – O audiovisual e o galego

A Academia Galega do Audiovisual celebrará os días 14 e 15 de outubro a sexta edición das súas tradicionais xornadas de reflexión e debate Foro Academia Aberta 2008 no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense.
Nesta edición e baixo o título “A lingua fendida. O audiovisual e o galego” analizaremos como a cuestión da lingua marca a singularidade do noso sector, pois o uso da lingua galega nas producións ten que convivir co feito de que moitas veces dirixímonos aos mercados españois e internacionais.
Contaremos con recoñecidos profesionais galegos que nos axudarán a analizar como é esa relación dende o punto de vista sociocultural, artística e económica e tamén atenderemos a cales deben ser as características da lingua do audiovisual.
Tamén coñeceremos outras realidades semellantes á nosa. Contaremos con importantes profesionais de Quebec, Gales, Euskadi e Catalunya que nos contarán cal é a problemática actual de cada industria.
Así mesmo, aproveitando que o ano pasado cumpríronse 25 anos da dobraxe en Galicia, celebraremos unha mesa redonda na que actores e actrices da dobraxe contarannos a historia íntima do seu traballo e xuntos lembraremos as dobraxes “míticas” da Televisión Galega. Como colofón teremos un recordo especial a María Romero e ao recentemente falecido Xoán Guisán, pioneiros desta profesión en Galicia.
Podedes descargar o programa na web do Foro Academia Aberta 2008, máis o formulario de inscrición.