A Asociación Galega de Editores comunica que o prazo de inscrición para a IV edición do Simposio O Libro e a Lectura, adicado este ano a “Libro e mercado”, xa está aberto. Para máis información remitimos á folla de inscrición e ao programa deste ano. (AGE)
Arquivo da categoría: Conferencias
Debatido o primeiro plan formativo para xestores culturais
«A Consellaría de Cultura e Deporte porá en marcha durante o ano 2008 o primeiro programa integral de formación dos profesionais da xestión cultural de Galiza. Serán arredor de 30 accións formativas para mellorar as capacidades dos técnicos e técnicas culturais e, así, incrementar a calidade da oferta cultural. […]» (Consellaría de Cultura e Deporte)
A AGE organiza o IV Simposio O Libro e a Lectura
«A Asociación Galega de Editores organiza un ano máis o Simposio O Libro e a Lectura, que na súa cuarta edición abordará a temática “Libro e mercado”. O evento, que conta co respaldo do Centro Español de Derechos Repográficos (CEDRO) e no que colabora o Consello da Cultura Galega, terá lugar os próximos 15 e 16 de novembro en Santiago de Compostela. […]» (AGE)
Galeguia: mesa redonda e recital poético n’ A Coruña
Entre as actividades programadas do “Galeguia. Encontro con Cabo Verde, para o venres 19 de outubro, n’ A Coruña, figuran as seguintes:
-Mesa redonda “Letras qu unen”, ás 17:00 horas no Kiosco Alfonso, coa participación de dous escritores cabo-verdianos e dous escritores galegos, presentados por unha experta en literaturas lusófonas, que falarán sobre a lingua galego-portuguesa como ferramenta útil de traballo: Felisa Rodrigues (profesora de literaturas africanas en lingua portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela), Carlos Quiroga (escritor galego), Xavier Alcalá (escritor e enxeñeiro de telecomunicacións), Germano Almeida (escritor cabo-verdiano) e José Vicente Lopes (escritor e xornalista cabo-verdiano).
-Recital poético “Cabo Verde lírico”, ás 19:00 horas no Kiosco Alfonso, en que poetas galegos recitarán poesía cabo-verdiana: Yolanda Castaño, María Lado, Lucía Aldao, Estevo Creus, Enma Couceiro e Xavier Vásquez Freire.
Ramón Loureiro na Galería Sargadelos de Lugo
O día 17 deste mes, ás 20:00 horas na Galeria Sargadelos de Lugo, impartirá unha conferencia titulada “As letras de Bretaña” o escritor Ramón Loureiro. O autor asinará os seus libros a quen o desexe. (Ao carón da lareira)
Xornadas en lembranza de Vázquez Núñez en Ourense
«As Seccións de “Literatura” e “Arte e Historia” do Liceo de Ourense programaron para a vindeira semana unhas Xornada en lembranda de Arturo Vázquez Nuñez”, (Ourense, 15 de novembro de 1852 – Ourense, 2 de marzo de 1907) foi un dos máis destacados polígrafos ourensáns do século XIX, especialista en Historia e Arqueoloxía. […]
O programa iniciaráse o mártes, día 16 de outubro, ás.18:00 horas. cunha Ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, continuando 20:00 horas, no Salón Noble da entidade liceísta coa Inauguración da Exposición bio-bibliográfica sobre ”Arturo Vázquez Nuñez”, e a seguir unha Conferencia de Francisco Fariña Busto co título: ”Vázquez Nuñez e a Comisión Provincial de Monumentos”.
O Día 18 de outubro, xoves, as 20:15 horas. Salón Noble. Conferencia de Jesús de Juana López: ”Vázquez Nuñez, biografía dun ourensán de pro”.
Día 29 de outubro, venres, as 20:15 horas. Salón Noble. Conferencia de Marcos Valcárcel López: ”Vázquez Nuñez e o periodismo ourensán”.» (Liceo de Ourense)
“Galeguia. Encontro con Cabo Verde” n’ A Coruña e Compostela
«A Fundación Via Galego organizou para o próximo 19 de outubro, sexta feira, no Kiosko Alfonso da Coruña, unha mesa redonda titulada “Letras que unen” e un recital poético denominado “Cabo Verde lírico”. Na mesa redonda Letras que Unen intervirán Felisa Rodrigues (experta-galega en literaturas lusófonas africanas), Germano Almeida e José Vicente Lopes (escritores cabo-verdianos) e Xavier Alcalá e Carlos Quiroga (escritores galegos). Incluirá unha breve introdución á literatura cabo-verdiana da profesora Felisa Rodrigues e posterior debate arredor da lingua galego-portuguesa como ferramenta útil de traballo para os escritores galegos e cabo-verdianos. Terá lugar a partir das 17horas. No recital participarán varias poetas novas, como Yolanda Castaño, Lucía Aldao ou María Lado, que recitarán poemas de autores cabo-verdianos. Terá lugar a partir das 19:00 horas.
O acto insírese nas xornadas Galeguia. Encontro con Cabo Verde, organizadas pola Fundación Via Galego entre os días 17 e 20 de outubro co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, entre outras institucións e entidades. Galeguia ten por obxecto fundamental promover un maior relacionamento entre a Galiza e os países de fala portuguesa, para así aproveitar na medida do posíbel a facilidade comunicativa que a lingua galega habilita no plano internacional, de extraordinario relevo no mundo global.» (Fundacion Via Galego)
Promóvese a creación da Academia Galega da Língua Portuguesa
«Co apoio da Associação de Amizade Galiza-Portugal, a comisión que promove a creación dunha academia da lingua portuguesa en Galiza organiza unha serie de conferencias sobre o devir da lusofonía.
As conferencias comezan esta segunda feira en Compostela, a partir do mediodía na Facultade de Filoloxía da USC. Nelas intervirán os profesores Evanildo Bechara, da Academia Brasileira de Letras, e Malaca Casteleiro, da Academia das Ciências de Lisboa, presentados polos catedráticos galegos Martinho Montero Santalha, José Luís Rodrigues e Maria do Carmo Henriques.» (Vieiros)
Xosé A. Fraga falará n’ A Coruña de “Ciencia e cidade”
O xoves 27 de setembro terá lugar a conferencia de Xosé A. Fraga titulada “Ciencia e cidade. A actividade científica na Coruña na segunda metade do século XIX”. Ás 20:30 horas no salón de actos da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Olmos, 16-18, 1º).
Mañá terá lugar en Santiago a I Xornada da Crítica Galega
Mañá, 21 de setembro, nas instalacións do Consello da Cultura Galega, terá lugar a I Xornada da Crítica Galega.
«A I Xornada da Crítica Galega, unha iniciativa que a Aelg, a través da súa Sección de Crítica, bota a andar este ano coa colaboración do Consello da Cultura Galega co obxectivo de crear un foro de reflexión sobre a crítica literaria, tan importante para a normalización do noso sistema literario.
Foi concibida como un primeiro encontro entre profesionais diversos do mundo da crítica para iniciar unha reflexión acerca da situación da crítica literaria en Galicia nas súas diferentes manifestacións.
Esta primeira Xornada, dirixida a todas aquelas persoas relacionadas co mundo da crítica literaria e cos escritores en xeral, quere ter en conta a actividade crítica que se está a desenvolver hoxe no marco peninsular, e para iso contará con representantes da crítica galega, catalá, vasca, española e portuguesa.
O encontro ten ademais como obxectivo crear un foro de debate sobre a crítica literaria galega que reúna todas aquelas persoas que a estean a exercer nos diferentes ámbitos, para debateren os seus principais problemas e acadar un maior grao de recoñecemento e profesionalización das súas actividades.
Desenvolverase nas instalacións do Consello, no 2º andar do Pazo de Raxoi (Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela)». (Asociación de Escritores en Lingua Galega)