Convocada a 28ª edición do Premio Xerais de novela

Edicións Xerais de Galicia convoca a vixésimo oitava edición do Premio Xerais de novela en lingua galega, dotado con 25.000 euros, que se rexerá polas seguintes bases:

1ª. Poderán concorrer ao premio todos aqueles autores/as de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente. Os textos presentados han ser inéditos e totalmente orixinais, non podendo ter sido comunicados, nin na súa totalidade, nin por partes, por ningún tipo de procedemento.
2ª. De cada orixinal presentaranse seis copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas, antes do día 11 abril de 2011 nos locais sociais de Edicións Xerais de Galicia, S.A., rúa Doutor Marañón, 12. 36211. Vigo.
3ª. Co orixinal, que deberá ser presentado baixo lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a, achegarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor/a, así como o título da obra, indicando no sobre: para o Premio Xerais de Novela.
4ª. O xurado estará composto por cinco membros, escollidos entre lectores e lectoras e un secretario con voz e sen voto en representación de Edicións Xerais de Galicia, S.A. O premio outorgarase por maioría de votos.
5ª. A composición do xurado darase a coñecer no mes de maio.
6ª. O xurado emitirá o seu fallo no curso da Festa Xerais que se celebrará o día 11 de xuño.
7ª. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será inapelable.
8ª. Edicións Xerais de Galicia, S.A., que reserva os dereitos de edición sobre a novela premiada en todas as linguas, coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros, poderá publicar esta sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os dez mil primeiros exemplares vendidos estarán libres do pagamento de dereitos de autor/a. O beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente cincuenta exemplares da obra publicada.
9ª. Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ao fallo. Os que non se retiren serán destruídos.
A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases e as decisións do xurado que se teña designado.

Vigo, decembro 2010.

Convocado o XXIII Premio de narrativa Torrente Ballester

“Co ánimo de contribuír a acrecentar a calidade fabuladora e creativa que caracteriza os nosos escritores, así como de homenaxear o ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, a Deputación Provincial da Coruña convoca o XXIII Premio de narrativa Torrente Ballester, de acordo coas seguintes:

BASES

Primeira.- Poderán optar ao premio todas aquelas persoas, calquera que sexa a súa nacionalidade, que non obtivesen o premio nas cinco edicións anteriores a esta, e que presenten obras inéditas e non premiadas con anterioridade, escritas en castelán ou en galego.
Segunda.- Outorgarase un premio único e indivisible dotado con 25.000 euros, estando suxeita esta cantidade ás retencións legais que lle sexan de aplicación. A Deputación publicará a obra premiada, directamente ou a través doutra editorial, reservándose durante dezaoito meses os dereitos de edición da mesma.
Terceira.- As obras serán de tema e extensión libres, podendo presentarse novelas, relatos e conxuntos de relatos. As obras presentaranse preferentemente en formato dixital: CD que incluirá na carátula: XXIII Premio de narrativa Torrente Ballester, título da obra e lema ou pseudónimo; o tratamento de texto será Word ou OpenOffice. No caso de optar pola presentación en papel, os orixinais enviaranse por duplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A 4, tamaño de letra 10, espazo 1 1/2, polas dúas caras, numerados, grampados ou encadernados. Cada obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada xunto cun sobre aparte; no exterior do sobre farase constar o título da obra e o lema ou pseudónimo do seu autor; no interior incluirase unha copia do documento de identidade, enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico e, ademais, incluirase unha declaración expresa de a obra ser inédita e non ter sido premiada, até a data de presentación, en nengún outro certame ou premio.
Cuarta.- O prazo de presentación de orixinais comezará ao día seguiente ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e finalizará o 1 de xullo de 2011. Os orixinais enviaranse á Deputación da Coruña, Avenida Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre: XXIII Premio de narrativa Torrente Ballester.
Quinta.- O xuri estará presidido polo presidente da Deputación e formarán parte do mesmo: un representante da familia Torrente Ballester, a deputada presidenta da Comisión de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico, e seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario. O xuri será nomeado polo presidente da Deputación e actuará como secretario o da corporación ou o funcionario no que este delegar. A composición do xuri publicarase con anterioridade á súa reunión no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de se poderen interpoñer os recursos legais pertinentes.
Sexta.- Os participantes teñen a obriga de comunicaren á Deputación a concesión de calquera premio que obtiver a obra presentada, no momento en que esta situación se producir, o que dará lugar á súa exclusión deste concurso. O xuri actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Aos efectos da validez da súa constitución, será de aplicación o disposto no artigo 26.1 da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administraciones públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O xuri non poderá declarar deserto o premio e presentará a súa proposta ao presidente da Deputación, que é o órgano competente para resolvelo. O fallo do xuri terá lugar no cuarto trimestre do ano 2011 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, así como a través dos medios de comunicación. A plica correspondente á obra que resultar finalista poderá ser aberta polo secretario do xuri coa fin de que, de o permitir o seu autor, poida darse a coñecer o seu nome.
Sétima.- Non se devolverán as obras presentadas non premiadas e a partires do día seguinte ao do fallo do xuri serán destruídas.
Octava.- A presentación das obras supón a aceptación destas bases por parte dos autores.

A Coruña, 20 de decembro de 2010.”

Convocado o XXIX premio de novela longa Blanco Amor

O Concello de Santiago de Compostela fixo públicas as bases da convocatoria do XXIX premio de novela longa Blanco Amor:
“Primeira.-O premio estará dotado con 12.020 euros.
Segunda.-Poderán participar nel todos os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.
Terceira.-As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12), por unha soa cara e a dous espazos.
Cuarta.-As obras presentadas terán que ser inéditas.
Quinta.-De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á concelleira de Cultura do Concello de Santiago de Compostela, Praza do Obradoiro s/n, 15705 Santiago de Compostela, facendo constar no exterior Para o XXIX Premio Blanco Amor. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.
Sexta.-O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 28 de febreiro do 2011.
Sétima.-O xurado do premio, nomeado nesta convocatoria polo Concello de Santiago, estará composto por cinco membros que deberán ser escritores/as ou críticos/as literarios/as da literatura galega.
Oitava.-O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado. Neste caso, o importe destinatarase a divulgar a obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.
Novena.-O xurado fará públicas as razóns en que se fundou para a concesión do premio.
Décima.-A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada. As obras non premiadas devolveranse aos/ás autores/as que o soliciten, no prazo dun mes, contando desde o día do veredicto. Os gastos de devolución serán por conta dos/as autores/as. En caso de non recollerse dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.
Décimo primeira.-A entrega do premio terá lugar no mes de abril de 2011, nun acto público que se convocará oportunamente.
Décimo segunda.-O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as súas bases.
Décimo terceira.-Nos aspectos non recollidos nestas bases decidirá a entidade organizadora.”

Convocado o XX Certame de narracións breves Manuel Murguía

O Concello de Arteixo, para contribuír ó desenvolvemento da narrativa galega e honrar ó noso Patriarca, convoca con carácter anual o Premio Manuel Murguía coas seguintes

BASES

1. Poderán concorrer tódolos autores que o desexen con unha única obra, de temática libre e escrita en lingua galega.
2. Os relatos deben ser orixinais e inéditos, dunha extensión non inferior ós 15 folios nin superior ós 30, escritos con letra corpo 12 e en tamaño DIN A4.
3. Os traballos presentaranse por cuadriplicado, mecanografados a duplo espazo, por unha soa cara e só co título da obra e un lema. Xuntarase unha copia do texto nun CD en formato PDF. Nun sobre pechado achegaranse o título, o lema, o nome, o enderezo, o teléfono e o currículo do autor/a.
4. As obras deben enviarse facendo constar no sobre 20º Certame Manuel Murguía de Narracións Breves, antes do 1 de marzo de 2011 ó seguinte enderezo:
Concello de Arteixo
Praza Alcalde Ramón Dopico, 1
15142 Arteixo
A Coruña
5. Co gallo do 20 aniversario, establécense 3 premios dotados con 3.703,70 €, 1.234,57 € e 617,28 €, sometidos ás correspondentes retencións. Os galardóns poderán declararse desertos.
6. O xurado, constituído por membros de recoñecida solvencia, será designado polo Concello de Arteixo e fará pública a súa decisión inapelable no mes de maio de 2011.
7. Os/as 3 finalistas deberán estar presentes o día da entrega para recibir os premios.
8. Os orixinais non premiados poderán ser devoltos, sempre que o soliciten os seus autores por escrito no prazo máximo de un mes a partir do fallo.
9. Os/as finalistas e os/as autores/as premiados/as renuncian ós seus dereitos no caso que o Concello edite os textos e se fixeren outras edicións farán constar que foron premiados/as neste certame.
10.A interpretación destas bases corresponde exclusivamente ó xurado. O feito de participar no certame supón a aceptación das presentes bases.

Arteixo, novembro de 2010.

Máis información neste enlace. As bases poden descargarse, en formato .pdf., aquí.

Convocado o VII Premio de Creación Literaria Biblos-Pazos de Galicia para mozas e mozos 2011

Biblos Clube de Lectores, co propósito de contribuír ao achegamento e a participación das mozas e mozos na cultura galega, e de descubrir aqueles creadores máis novos que poidan ter unha obra de interese necesitada de apoio para a elaboración final e a súa proxección pública, convoca o 7.º PREMIO DE CREACIÓN LITERARIA BIBLOS-PAZOS DE GALICIA PARA MOZAS E MOZOS, nesta sétima edición dirixido á novela, co copatrocinio de Pazos de Galicia, e de acordo coas seguintes

BASES

1. Poderán participar neste Premio todas as mozas e mozos que ao rematar o ano 2011 non teñan cumprido os 25 anos e que, con independencia do lugar onde nacesen ou residan, amosen o coñecemento do idioma galego necesario para desenvolver nel unha obra narrativa de calidade.
2. Os/as autores/as deberán presentar unha memoria de entre 30 e 40 folios na que incluirán:
a) Unha exposición precisa das características que terá a futura novela, aportando a maior información posible sobre o argumento (trama, época e lugar en que se desenvolve a acción, personaxes, etcétera) e as técnicas narrativas que prevé utilizar.
b) Un capítulo ou fragmento que permita valorar o estilo do autor/a. O/a gañador/a terá liberdade no seu caso para intruducir as modificacións que estime oportunas no proxecto e no texto de mostra e adaptalos ás esixencias da novela no seu desenvolvemento, así como aos consellos que reciba do escritor titor.
3.- Cada traballo será presentado co nome e apelidos do autor/a, así como as indicacións necesarias para poder localizalo (dirección, teléfono, correo electrónico). Non se admitirán obras baixo pseudónimo nin colectivas.
4. Os traballos serán enviados a Biblos Clube de Lectores. Quintá, 8-MANDAIO. 15391 Cesuras (A Coruña).
5. O premio conlevará:
a) Unha escultura conmemorativa deseñada expresamente polo escultor Luís Loureira.
b) A estancia dun mes, incluída a manutención, nun dos establecementos de Pazos de Galicia, nun lugar singular que reúna as condicións necesarias para que, se o escritor/a o desexa, desenvolva a última fase do seu proxecto.
c) Un ordenador portátil que, unha vez concluída a obra, quedará da súa propiedade.
d) A tutela dun escritor de renome, designado por Biblos coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que asesorará ao gañador/a en xuntanzas periódicas durante ese mes.
e) A publicación do libro en galego na colección Mandaio de Biblos nas mesmas condicións que os autores precedentes, coa percepción dos correspondentes dereitos de autor.
f) A tradución da novela ao castelán de cara a unha edición destinada aos clientes non galegos de Pazos de Galicia. Neste caso, o premio considérase un anticipo dos dereitos de autor da primeira edición. 6.- A admisión dos traballos pecharase o 16 de marzo do 2011.
7.- Un xurado integrado por persoas de acreditada valía seleccionará os traballos finalistas que serán dados a coñecer a semana previa á do Día das Letras Galegas.
8.- As/os autoras/es finalistas deberán presentar antes do 13 de xuño do 2011 as súas novelas cunha extensión non superior aos 150 folios no estado máis avanzado posible de acabado.
9.- O xurado elixirá a obra gañadora, que dará a coñecer a semana previa á do Día da Patria Galega.
10.- O/a autor/a gañador/a dedicará o mes de outubro a traballar na súa novela, seguindo un plan que acordará co titor.
11.- O/a autor gañador/a comprométese a entregar a novela totalmente finalizada antes de rematar o ano 2011 para a súa publicación por Biblos.
12.- Os outros autores/as finalistas recibirán como premio unha fin de semana para dúas persoas en habitación dobre nun dos establecementos integrados en Pazos de Galicia.
13. A presentación ao Premio dentro do prazo indicado leva implícito o compromiso do autor/a de non retirar o seu orixinal antes de facerse público o fallo do xurado. Asimesmo, o autor/a garante que deica o momento do devandito fallo, a obra non concorrerá a ningún outro premio ou concurso.
14. Co obxectivo de acadar a maior difusión do premio, o/a autor/a comprometerase activa e persoalmente na promoción que Biblos estime necesaria da obra gañadora.
15.- Biblos contempla a posibilidade de chegar a acordos cos autores/as das obras finalistas para a súa publicación.
16. Cada autor comprométese a subscribir cantos documentos sexan precisos para que a edición da súa obra sexa inscrita no Rexistro da Propiedade Intelectual.
17. Os orixinais presentados na primeira fase que non estean entre os finalistas, serán destruídos.
18.- A participación neste premio conleva a aceptación das súas bases e da interpretación de Biblos en cantos puntos non se recollan explicitamente nelas.
19. Para calquera diferenza que deba ser dirimida por vía xudicial, as partes renuncian ao fuero propio e sométense expresamente aos Xulgados e Tribunais da cidade da Coruña.

Convocado o Certame Internacional de Poesía e Conto Breve, polo Centro Cultural Rosalía de Castro Roac 2045

O Centro Cultural Rosalía de Castro ROAC nº 2045 de Buenos Aires, convoca o Certame Internacional de Poesía e Conto Breve en Homenaxe no día da Muller do 2011 a Maruxa Boga, condutora do programa Recordando a Galicia, transmitido desde agosto de 1945 a marzo de 1984, coas seguintes bases:

– En castelán ou galego, con tema libre.
– Poderán inscribirse todos os escritores maiores de 16 anos.
– Conto Breve: extensión non maior a catro páxinas, folla A4, interlineado dobre, fonte Arial 12, máximo 2 obras, asinadas con pseudónimo.
– Poesía: até 30 versos, folla A4, fonte Arial 12, interlineado simple, técnica libre, máximo 2 poesías asinadas con pseudónimo.
– Enviar os datos por cada seudónimo en sobre a parte (se se participase en ambos os dous xéneros) consignando na parte principal do sobre pechado: título, xénero e pseudónimo. Este(s) sobre(s) acompañarán ás obras usando para tal fin un sobre tamaño A4 para non dobrar as follas. Enviar os traballos nos dous xéneros por duplicado.
– Prégase non omitir ningún dado: teléfono, correo electrónico (se se posúe), enderezo postal. En caso de ser menor de 18 anos enviar unha enviar unha autorización de pai, nai ou titor. Enviar como carta simple (nen certificado nen expreso).
– Baixo ningún conceito os primeiros, segundos e terceiros premios poderán ser declarados desertos.
– O feito de participar confirma a aceptación total das bases. Quedará fóra de concurso toda obra que non respeitar as pautas estabelecidas.
– O xurado estará integrado por dous escritores de recoñecida traxectoria. A súa determinación será inapelable.
– O certame comeza o 23 de outubro de 2010 e remata o 31 de xaneiro de 2011. Os premios entregaranse o martes 8 de marzo de 2011, ás 17:00 h. na rúa Perón 940 (case Carlos Pellegrini) P.B., cidade de Bos Aires.
– Os premios serán: Primeiro: Trofeo, libro e Diploma; Segundo: Trofeo e Diploma; Terceiro: Libro e Diploma. Se o xurado considerar algunha mención de honor, esta consistirá en Libro e Diploma; outorgándose tantas mencións como determinar o xurado, que serán premiadas con Diplomas.
– O lugar de recepción das obras é:
Centro Cultural Rosalía de Castro ROAC 2045
Castro Barros 351 Código .Postal 1718- San Antonio de Padua. Buenos Aires.

Máis información neste correo electrónico: rosaliadecastro@ciudad.com.ar.

XIX Certame Literario A Pipa (poesía e relato)

A Asociación Cultura A Pipa, de Becerreá, convoca o XIX Certame Literario A Pipa 2010 da Alta Montaña Luguesa, coas seguintes bases:
1. Temática. O tema é libre.
2. Tres categorías:
2. A.- CATEGORÍA INFANTIL (Dos 8 ós 14 anos)
2. B.- CATEGORÍA XUVENIL (Dos 14 ós 18 anos)
2. C.- CATEGORÍA Revista “A PIPA” para maiores de 18 anos.
3. Dúas modalidades:
3. A.- POESÍA (máximo 50 versos)
3. B.- RELATO, NARRACIÓN OU CONTO breves (máximo 5 folios)
4. Os premios:
Para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º Premio de Poesía, e tamén 1º e 2º Premio de Relato, mailos ACCÉSITS que o Xurado considere necesarios.
Cada premio consiste nunha estatuíña de cerámica de Sargadelos con placa inscrita, un lote de libros, e o correspondente título acreditativo. A Asociación Cultural “A PIPA” non descarta que os traballos premiados poidan ser editados nun futuro.
5. Presentación e Prazo:
5. A.- Cada participante poderá presentar un ou máis traballos, en LINGUA GALEGA.
5. B.- Os traballos presentaranse anónimos, sinalando neles a CATEGORÍA e MODALIDADE na que participan, e adxuntando nun sobre pechado a identidade, o enderezo e o número de teléfono do/a autor/a.
5. C.- O prazo de admisión rematará o 23 de decembro de 2010.
5. D.- Os traballos poden entregarse, ou envialos ó seguinte enderezo: Certame Literario “A PIPA”. Rúa Ancares, 57. – 27640 Becerreá (Lugo).
6. O Xurado. O Fallo:
O Xurado estará composto pola Xunta Directiva da Asociación Cultural “A PIPA” de Becerreá, que tamén convidará a algún profesional do mundo do Ensino, da Literatura e das Artes.
O fallo farase público a través dos medios de comunicación, e tamén se transmitirá persoalmente ós/ás gañadores/as.
7. Cerimonia de Entrega de Premios:
A Cerimonia de Entrega de Premios terá lugar na Casa de Cultura de Becerreá o domingo 26 de decembro ás 19:00 h. no marco da XIX NOITE POÉTICA “A PIPA” 10 CON BRANCA NOVONEYRA.

As bases e máis información pódense consultar aquí.

Concurso de relatos breves Minicontos De luns a venres outono

O Centro Pen Clube de Galicia e o xornal gratuíto diario De Luns a Venres convocan o concurso de relatos breves Minicontos De luns a venres outono. As bases contemplan que o prazo para a presentación dos traballos será ata o 15 de decembro. A decisión do xurado coñecerase o día 20 dese mesmo mes. Os traballos deberán ser inéditos na súa totalidade, escritos en lingua galega, segundo a normativa vixente, e de libre temática, ainda que a extensión de cada relato non poderá exceder dos 1.200 caracteres (sen contar os espazos). O obxectivo deste concurso literario, aberto a escritores noveis e consagrados, non é outro que avanzar nunha tarefa común: ampliar horizontes para a lingua e a cultura de Galicia. Este certame de minicontos en galego nace coa pretensión de ser convocado anualmente en outono (como é o caso) e na primavera (destinado a un público diferente e con algunha particularidade da que se dará conta no seu momento). As bases completas pódense consultar na páxina 13 deste enlace ou aquí:

Convocado o IV premio de relatos Mulleres Progresistas

Convócase o IV Premio de relatos da Asociación de Mulleres Progresistas de Vigo, coas seguintes:

BASES

– Poderán concursar tódalas Mulleres que o desexen de calquera nacionalidade ou cultura. Cada participante poderá presentar un número máximo de dous relatos.

– O tema será libre.

– As obras serán orixinais e inéditas. Irán escritas en galego normativo, cunha extensión mínima de 15 páxinas e máxima de 30, a dobre espacio e por unha soa cara, en fonte 12, Arial ou Times New Roman. Se calquera dos contos presentados ao Premio de Relatos Mulleres Progresistas aparecese publicado ou recibise un premio ou mención noutro concurso no prazo da convocatoria quedará automaticamente descalificado.

– Cada relato presentarase con pseudónimo e baixo plica cerrada na que figuren os datos da concursante (nome, apelidos, domicilio e teléfono). Caso de presentar dous relatos terán que levar cadanseu seudónimo e cadansúa plica.

– Os traballos presentaranse con cinco copias impresas en papel e unha copia en soporte informático (diskette ou CD), preferiblemente en formato Word.

– O xurado determinará cinco finalistas, entre as que se elixirán os tres premios do certame:

1º Premio: 500 Euros, figura e diploma 2º Premio: 250 Euros e diploma 3º Premio: 150 Euros e diploma

– Presentación pública das bases en data 20 de outubro de 2010.

– O prazo de admisión para a recepción dos traballos péchase o 31 de decembro de 2010. Poderán presentarse persoalmente ou por vía postal. Posteriormente a esa data só serán admitidos os traballos en cuxo mataselos conste que foron enviados dentro do prazo. Os relatos serán presentados na Asociación de Mulleres Progresistas de Vigo, Policarpo Sanz, 12-14-2º- VIGO 36202. Non se aceptarán obras chegadas ao correo electrónico da Asociación.

– O fallo do xurado publicarase o día 8 de Marzo do 2011, Día Internacional das Mulleres, puidendo quedar desertos calquera ou todos os premios se os relatos recibidos non reúnen unha calidade mínima. O xurado estará formado por Mulleres do mundo das letras e a cultura, sendo inapelable a súa decisión. Dentro do xurado estará unha representante da Asociación de Mulleres Progresistas.

– O xurado é o encargado de interpretar exclusivamente as bases deste concurso. Así mesmo, a presentación das obras supón a total aceptación das presentes bases.

– Os traballos non premiados non serán devoltos, sendo destruídos con posterioridade ao fallo do xurado.

– Se o nivel dos relatos presentados é adecuado, designaranse diferentes mencións especiais que, xunto cos finalistas e os premios serían publicados nun volume. Para elo, as autoras ceden os dereitos desa primeira edición a Mulleres Progresistas. Tras esta publicación, as autoras poderán dispoñer libremente dos seus relatos.