GZ CREA 08: Certame galego de creadores novos

«A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade convídavos a participar neste certame galego de creadores novos, que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, moda, música, relato, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, videoclips, composición para banda de música e deseño de xoias.

Acreditamos na creatividade da mocidade galega, apostamos por crear estímulos e canles de comunicación para a súa divulgación como modelos reais de presente e de futuro. O que pretendemos e implicarnos de xeito activo coa mocidade galega na procura de ferramentas e espazos que permitan estimular e vehicular as múltiples inquietudes artísticas individuais e colectivas da xuventude galega. […]» (Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar da Xunta de Galiza)

As bases poden consultarse na web de GZ CREA 2008.

II Premio Diario Cultural de Teatro

«A Consellaría de Cultura e a Radio Galega presentaron este luns a II edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, co fin de retomar a tradición das representacións teatrais a través das ondas cunha renovada perspectiva contemporánea. O fomento da escrita de textos dramáticos para a radio é outro dos obxectivos principais desta iniciativa, que pretende tamén facilitar o diálogo entre autores e medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e promover o encontro entre a audiencia.» Bases. (Vieiros)

Actos do “Premi Born de Teatre”

O día 21 de abril, ás 12:00 horas no Salón de Actos do Centro Dramático Galego (Rúa Nova, 34 – Santiago de Compostela), terá lugar a presentación das bases do XXXII Premi Born de teatro.

A xornada tamén albergará a presentación da edición de Origami, obra gañadora do Premi Born de Teatre 2006. Contará coa participación de Carlos Be (autor), Pepe Henríquez (redactor “en Cap” da revista Primer Acto), Antón Lamapereira (Director da RGT) e Raúl Dans, dramaturgo e gañador do Premi Born de Teatre 1997. (Premi Born de Teatre)