(Vieiros)
Arquivo da categoría: Crítica literaria
Liquids. Revista de estudos literarios ibéricos
Liquids. Revista de estudos literarios ibéricos trátase dunha revista electrónica semestral que comezou a súa andaina en maio de 2007. Inclúe artigos e recensións, e ocasionalmente tamén un espazo de creación. Está aberta a todas as linguas peninsulares.
A coordinadora da sección galega convida a participar na revista con aportacións preferentes sobre a literatura galega. No seguinte número precisan de unha ou dúas recensións sobre libros de crítica ou investigación, escritos en galego ou sobre a literatura galega. (Liquids)
Henrique Rabuñal falará na Coruña da obra literaria de Carvalho Calero
O escritor Henrique Rabuñal intervirá este o próximo día 17, ás 20:00 horas na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, para abordar a obra literaria de Ricardo Carvalho Calero dentro das xornadas que os CAF dedican ao ilustre profesor e escritor.
Mañá terá lugar en Santiago a I Xornada da Crítica Galega
Mañá, 21 de setembro, nas instalacións do Consello da Cultura Galega, terá lugar a I Xornada da Crítica Galega.
«A I Xornada da Crítica Galega, unha iniciativa que a Aelg, a través da súa Sección de Crítica, bota a andar este ano coa colaboración do Consello da Cultura Galega co obxectivo de crear un foro de reflexión sobre a crítica literaria, tan importante para a normalización do noso sistema literario.
Foi concibida como un primeiro encontro entre profesionais diversos do mundo da crítica para iniciar unha reflexión acerca da situación da crítica literaria en Galicia nas súas diferentes manifestacións.
Esta primeira Xornada, dirixida a todas aquelas persoas relacionadas co mundo da crítica literaria e cos escritores en xeral, quere ter en conta a actividade crítica que se está a desenvolver hoxe no marco peninsular, e para iso contará con representantes da crítica galega, catalá, vasca, española e portuguesa.
O encontro ten ademais como obxectivo crear un foro de debate sobre a crítica literaria galega que reúna todas aquelas persoas que a estean a exercer nos diferentes ámbitos, para debateren os seus principais problemas e acadar un maior grao de recoñecemento e profesionalización das súas actividades.
Desenvolverase nas instalacións do Consello, no 2º andar do Pazo de Raxoi (Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela)». (Asociación de Escritores en Lingua Galega)
I Xornada da Crítica Galega, da AELG
A I Xornada da Crítica, que a Aelg organiza en colaboración co Consello da Cultura Galega, desenvolverase nas instalacións do Consello o día 21 de setembro de 2007. O programa pode consultarse na web da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Remata o ciclo de conferencias do Liceo de Ourense
“O próximo martes 22 de maio a Sección de Literatura do Liceo de Ourense, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas adicado a autora María Mariño, organiza una Xornada co seguinte programa:
-Ás 17:30 horas, na Sala de Tertulia: Recital de poesía co gallo das Letras Galegas adicado a ”María Mariño”.
-Ás 20:15 horas, no Salón Noble: Conferencia de Carmen Blanco sobre ”Maria Mariño”.
Como remate do Vº Ciclo de Conferencias Visións de Galicia co título “As mulleres na cultura galega”.”
Convocatoria australiana sobre a literatura actual
Desde a revista Antípodas (Journal of Hispanic and Galician Studies) chega a convocatoria do número XXII coa intención de documentar o “Panorama da escrita en lingua galega entre os séculos XX e XXI”. É un proxecto que nace da colaboración entre Antípodas (Journal of Hispanic and Galician Studies) e a Universidade da Coruña:
“Convidamos a participar neste volume dedicado a escrita actual en galego a todos os especialistas e investigadores no eido da literatura galega no cambio de século (aproximadamente entre 1990 e hoxe), aínda que tamén poden remitirse artigos en torno a literatura escrita en lingua galega e publicada despois do ano 1975. Antípodas pretende poñer ó día o momento literario de Galicia e, asemade, presentar un panorama dos autores máis novos que están xa a publicar con éxito. Estamos á procura de artigos orixinais que permitan olladas novedosas, diferentes enfoques da crítica, e, nesa mesma liña, aportacións no eido poscolonial, a literatura comparada ou os estudos de xénero. Os traballos deberán versar, preferentemente, sobre a producción literaria de autores en lingua galega que acadaron un certo nivel de notoriedade a partir do ano 1990, e aqueles outros máis novos que están agora acadando os primeiros recoñecementos polo seu labor literario. Antípodas desexa, deste xeito, analizar a situación da literatura en galego e tamén as súas perspectivas cara ó futuro máis inmediato […].”
Prazo para o envío dos traballos completos: 15 de Decembro de 2007. Pódese obter máis información na web da revista.