(Xornal)
Arquivo da categoría: Cursos
I Curso de Cultura Galega Contemporánea, hoxe comeza en Compostela
A Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Cátedra UNESCO de Cultura Luso-Brasileira da USC organizan o Curso de Cultura Contemporánea Galega (CCCG), que desenvolverá en Santiago de Compostela entre os días 27 de Abril e 6 de Maio. O curso, que conta co apoio da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago de Compostela e das Faculdades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación da USC, preténdese un espazo de reflexión académica e profesional interdisciplinar que nace cos seguintes obxectivos:
• Presentar aos alumnos a cultura galega contemporánea como un conxunto de producións diverso, moderno, vivo e xerador de riqueza económica e artística.
• Identificar os diferentes tipos de cultura predominantes na Galiza actual e coñecer algúns dos seus representantes e tendencias.
• Avaliar os puntos fortes e fracos das industrias culturais galegas, comprendendo como a cultura pode representar un importante motor económico para unha comunidade.
• Conhecer como e por que a cultura é empregada como unha ferramenta de coesión social. Os profesores da USC Carlos Quiroga, Elias Torres, Ramom Flores das Seixas e José Pereira Fariña e o director de UNINOVA Gustavo Marcos serán os encargados da parte teórica do curso, que se divide nas sesións: Culturas Tradicionais, Culturas de Élite, Culturas de Masas, Culturas Empresariais e Culturas Libres.
Estas conferencias, veranse complementadas cun ciclo de mesas redondas en que participarán 20 representantes do tecido cultural galego nas súas dimensións empresarial e asociativa. De entre os participantes nas mesas poderíamos destacar, entre outros, á produtora Emma Lustres (Vaca Films, produtora de Celda 211), ao actor Miguel de Lira (sala NASA), ao escritor Séchu Sende, ao cociñeiro X. Manuel Crujeiras (integrante de Nove. Grupo Gastronómico Galicia), ao actor e dramaturgo Manuel Lourenzo, ao xornalista Anxo Quintela ou a Javier Goyanes (presidente de Pazos de Galicia).
A organización pretende así, con este curso, crear un espazo de debate dinámico e produtivo sobre a actualidade dunha cultura galega desacralizada e viva, definitoria de como nos vemos os galegos e da imaxe que de nós internacionalizamos.
As aulas presenciais do curso celebraranse no Auditorio de Galicia e nas Faculdades de Filoloxía e Xornalismo e complementaranse cun foro virtual de debate on-line. A matrícula, que poderá realizarse ata o próximo dia 26, garante un certificado de 30 horas e un crédito da Universidade de Santiago.
I Jornadas de Cultura, Língua e Ensino
«Últimos dias para se inscrever nas I Jornadas de Cultura, Língua e Ensino, organizadas pola Associaçom Galega da Língua em parceria com Universidade da Corunha (UdC), que vam decorrer na cidade da Corunha nos dias 8, 9 e 10 de Abril. A data limite é no dia 7 de Abril.» (Portal Galego da Língua)
Santiago: presentación do libro-DVD Bailabén
Este xoves, día 11 de marzo, ás 19:00 horas terá lugar no salón de actos do Consello da Cultura Galega (no pazo de Raxoi) a presentación ao público do método de aprendizaxe do baile galego Bailabén, un libro con DVD elaborado por Edith Cotilla e Gustavo Couto que Edicións do Cumio vén de sacar do prelo. Ambos autores estarán presentes no acto acompañados de Cándido Meixide, que acudirá en representación da editorial.
A Coruña: curso do Seminario Galego de Educación pola Paz

Os días 12, 14, 15, 19, 21, 22, 26, 27, 28 e 29 de abril en horario de tarde de 17:30 a 20:00 no Centro Municipal da Muller (Barrio das Flores, R/ Hortensias,s/n) celebrarase o curso INTERCULTURALIDADE E INTERRELIXIOSIDADE NO S. XXI. CULTURAS E RELIXIÓNS, DA VIOLENCIA AO DIÁLOGO, dirixido por Victorino Pérez Prieto e organizado polo Seminario Galego de Educación pola Paz. A matrícula pode facerse a través do sitio web da SGEP.
Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística
Desde hoxe 1 de xuño está aberto o prazo de preinscrición no V Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística Traballando en Lingua que este ano leva por subtítulo Do compromiso individual aos argumentos. O curso, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración co Concello de Carballo e mais coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, terá lugar os días 15, 16 e 17 de xullo e está dirixido a aquelas persoas interesadas na dinamización lingüística e no proceso de normalización da lingua galega, nomeadamente, aquelas que traballen nestes ámbitos (técnicos/as de normalización lingüística, técnicos/as de cultura, docentes…). Entre outras, abordaranse as seguintes liñas temáticas: reflexionar sobre a realidade da lingua galega na universidade; introducir casos prácticos de compromiso individual co idioma; escoitar as razóns para o mantemento lingüístico e para as mudanzas de idioma no caso galego; avaliar as posibilidades de éxito das políticas lingüísticas institucionais; ofrecer argumentos a prol do uso da(s) lingua(s), e recoñecer o pasado inmediato como un espazo para confluír na modificación das actitudes. Máis información, na páxina web do curso
O Facho organiza un curso de Lingua Galega
O curso terá umha duraçom de 14 semanas, sendo as suas aulas 1 dia por semana de 1 horas de duraçom. O mesmo realizara-se no local social da Associaçom de 9 p.m. até as 10 p.m. nas terças-feiras (martes). Leccionara-se as duas normas dominantes na escrita da nossa Língua. O custo do mesmo: Sócios: 5 €; Nom sócios: 30 €; Estudantes: 15 €. Para se inscrever, pode-se fazer no endereço postal da Agrupaçom,
Agrupaçom Cultural O Facho
Rua: Federico Tapia 12-1º- C
15005 A Corunha
e no correio electrónico, o_facho_a_cultural@yahoo.com.br. Som precisos os seguintes dados: Nome e apelidos, a sua pertença ou nom à Agrupaçom, endereço postal, correio electrónico (se o tem), e telefone.
Seminario internacional “Creación, edición e crítica: poetas galegas e irlandesas”
(A Coruña, 14 outubro 2008).- Organizado conxuntamente polo Grupo de Investigación Poesía e Xénero e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, os vindeiros 16 e 17 de outubro vaise celebrar no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela un seminario internacional baixo título Creación, Edición e Crítica: poetas galegas e irlandesas (ver programa).
Este seminario internacional reúne representantes do mundo editorial, da crítica e da creación poética tanto de Galicia como de Irlanda con obxecto de que poidan poñer en común as súas experiencias en relación ao fenómeno da recente emerxencia de mulleres poetas en ambas comunidades. Até a actualidade, foi frecuente realizar seminarios cunha presenza dominante de investigadoras e algún escritor convidado, pero coa ausencia do mundo editorial. No seminario que aquí presentamos, tratase de inverter esta práctica e darlles a palabra prioritariamente ás escritoras, que dialogarán con críticos e editores sobre as relacións entre a creación, a edición e a crítica.
Galicia e Irlanda comparten fortes lazos culturais e semellanzas sociais que foron obxecto de numerosas investigacións. Ademais de promover as relacións internacionais entre os ámbitos literarios galego e irlandés, este seminario profunda na transformación da tradición literaria provocada pola incorporación de numerosas escritoras aos seus sistemas literarios respectivos nos últimos trinta anos, co conseguinte impacto no mercado editorial e no sector da crítica. Convidouse a dúas poetas irlandesas e a catro poetas galegas, sendo un dos temas de interese o da elección lingüística en comunidades oficialmente bilingües.
Á perspectiva comparatista, internacional e de xénero, engadese o interese por representar espazos diferentes da crítica, reunindo tanto a académica como a xornalística, con obxecto de analizar a súa repercusión na recepción da poesía de mulleres. De igual xeito, participan neste seminario representantes do mundo editorial irlandés (Salmon Publishing) e galego (Xerais) que contan con importantes coleccións de poesía e que se amosaron receptivos á emerxencia de mulleres escritoras. O carácter de “seminario” desta actividade ten como obxecto favorecer os debates entre as persoas que interveñen, así coma co público asistente. Ademais dos relatorios e os debates, terán lugar dous recitais de poesía co obxecto de favorecer o encontro e coñecemento mutuo das poetas galegas e irlandesas.
Participarán Celia de Fréine, Kerry Hardie, Jessie Lendennie, Irene Gilsenan-Nordin, Marilar Aleixandre, María Lado, Xiana Arias Rego, Fran Alonso, Ramón Nicolás, María do Cebreiro Rábade e Luz Pichel.
(Gabinete de Comunicación da AELG)
A Coruña: V Xornadas sobre lingua e usos
O Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coa Real Academia Galega, organiza as V Xornadas sobre Lingua e Usos que este ano versarán sobre a lingua galega e a docencia universitaria.
As xornadas terán lugar os días 12, 13 e 14 de novembro no Paraninfo da Reitoría e a elas están convidados, entre outros, membros do profesorado da UDC e membros dos equipos de goberno de universidades galegas e non galegas con responsabilidades no ámbito da docencia.
O prazo de inscrición remata o día 5 de novembro. Máis información en:
http://www.udc.es/snl
http://www.udc.es/snl/dinamiza_xorna.html
(Servizo de Normalización Lingüística – Universidade da Coruña)
Un curso sobre a obra de Avilés de Taramancos
A casa da Cultura Avilés de Taramancos de Noia acollerá entre o 4 e o 6 de setembro un curso de verán da Universidade de Santiago sobre a obra deste poeta. Xerardo Agrafoxo, Xosé Manuel Beiras, Manuel Caamaño, Pilar Cagiao, Lourenzo Fernández Prieto, Salvador García-Bodaño, Pedro García, Aurora Marco, Xoán Pastor Rodríguez, Ana Romaní, Pilar Sampedro e Socorro Santos serán os ponentes deste seminario, que abordará as distintas etapas creativas do escritor no seu contexto histórico. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 22 de agosto. (Galicia-Hoxe)