“Nesta
segunda semana do mes de marzo de 2011 fará dez anos da fundación en Santa Comba de Xallas do selo editorial tresCtres Editores, 3C3. Respondendo a unha iniciativa dos empresarios das artes gráficas, irmáns Pichel López –imprenta Eurográficas–, dous profesores do IES Terra de Xallas –X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia) e Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas)– poñían a andar este proxecto, asumindo colexiadamente a súa dirección editorial. Cando se está a cumprir este 10º aniversario de 3C3 son xa un cento os títulos editados ó longo desta década, 2001-2011, cunha xeitosa nómina de autores. Tendo en conta as súas tiraxes medias, pódese afirmar que dende aquela uns cen mil exemplares no seu conxunto pasaron a enriquecer o mundo editorial, continuando no século XXI a facer realidade aquilo que se lle dicía ós medios na xuntanza fundacional: queremos seguir facendo posible hoxe aquí o milagre de Johannes Gutenberg. 3C3 continúa arestora cos seus proxectos de coleccións e edicións. Proximamente ten proxectada a renovación da páxina web tresctres.com, enchéndoa de novos deseños, recursos e contidos. Séguese na idea de editar ó redor dunha ducia de novos títulos cada ano, seleccionando ben os orixinais e coidando a calidade, interese e variedade das súas edicións.”
Arquivo da categoría: Edición
Santiago: II Jornadas Galego-portuguesas de Ediçom Independente
Despois dunha semana de actividades no Porto, continúan na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela as II Jornadas Galego-portuguesas de Ediçom Independente organizadas por Estaleiro Editora, Corsárias, Gato Vadio, Casa Viva e Colectivo Hipátia. As mesas redondas vanse desenvolver de 14 a 17 de marzo, ás 19:00 h., e o venres 18 finalizarán cun recital poético-musical que se celebrará no Bar As Duas (Praza da Oliveira) ás 22:00 h. Aquí deixamos o programa: II Jornadas galego-portuguesas de ediçom independente 2011.
Laiovento, Positivas e Baía chegan aos 20 anos
A fin da época artesanal
Novos selos e políticas editoriais para un ensaio vinculado á actualidade
A Asociación Galega de Editores entregará o próximo 12 de marzo os Premios da Edición 2010
Urco: “A cultura de base”
Vigo: exposición O obxecto poético e a edición, no Verbum
Do
xoves 17 de febreiro ao domingo 1 de maio, no Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, e en horario de 10:00 a 19:00 h., pódese visitar a exposición O obxecto poético e a edición. Dúas achegas dende o surrealismo. Colección da Fundación Eugenio Granell, unha incursión no surrealismo mediante un proxecto expositivo creado ad hoc para o Verbum pola Fundación Eugenio Granell. A exposición está conformada por unha coidada selección de obxectos de artistas clásicos do surrealismo internacional como Eugenio Granell, Ludwig Zelller ou Susana Wald, e de artistas vinculados ao mesmo, da talla de Marcel Duchamp, así como doutros autores e autoras que continúan hoxe en día realizando novas contribucións ao movemento. A mostra achéganos asemade á complexidade e actualidade do movemento a través dunha selección das súas publicacións. A revista surrealista é unha ferramenta fundamental para os creadores plásticos e literarios, tanto como foro válido no que debater ideas éticas e estéticas, como a modo de escaparate e sistema de difusión das súas pezas, e ás veces, tamén como único medio de edición para as súas creacións. A inauguración terá lugar o xoves 17 de febreiro ás 20:00 h.
Lúa Lueira, nova colección de poesía para nenos en Espiral Maior
A Coruña: presentación de O Soldadiño de Chumbo
O
sábado 12 de febreiro ás 12:00 h., no CGAI (Rúa Durán Loriga, baixo) da Coruña, preséntase o clásico de Hans Christian Andersen, O Soldadiño de Chumbo, publicado por Galaxia, e que vén acompañado do DVD coa película producida por Continental, do que tamén se preparou unha unha aplicación para iPad. No acto intervirán Tomás Conde e Virginia Curiá, directores da película, e o editor do libro, Francisco Castro. Visionarase a película e os asistentes poderán experimentar coa aplicación do conto para iPad.