A Asociación Cultural Círculos Líticos, por medio da súa sección “Lendo libros/Lendo libres”, convida á presentación do libro de poemas de Isidro Novo Esteiro de noites falecidas, que se celebrará o martes 12 de febreiro ás 20 horas no salón de actos da Deputación Provincial. Como vén sendo habitual nas presentacións deste grupo poético, a palabra estará acompañada de son e de imaxe. Nesta ocasión a música virá servida da man de Zbigniew Preisner e Pascal Gaigne, mentres que a imaxe en forma de cómic ad hoc será contribución de Bruno Elerre.
Arquivo da categoría: Edición
AELG Editora publica a Revista das Letras do xornal Galicia-Hoxe
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg) vai publicar na súa editora virtual o suplemento literario “Revista das Letras” do xornal Galicia Hoxe. Os números atrasados do suplemento irán aparecendo ao longo deste ano.
A Aelg, alén de animar incesantemente a escribir, asume o compromiso real de se converter a través da súa editora virtual que as novas tecnoloxías nos ofrece, na difusora da literatura dos nosos creadores/as, en especial daqueles que inician o seu mergullo na arte da palabra, como experiencia lúdica ou con vontade vocacional.
Incrementar a presenza do idioma galego na web, brindarlle aos novos da nosa literatura un medio sinxelo, doado e de grande difusión para se dar a coñecer, ofrecer ao público lector un contorno en que achar literatura de calidade no noso idioma e onde poida coñecer en primicia a obra de novos valores creativos son algúns dos obxectivos primordiais que moveu a asociación a crear a súa editora virtual. (AELG)
Presentación en Santa Comba de U-49, de Rafael Lema
Rafael Lema presentará a súa última novela U-49 (Edicións Tambre-Edelvives) o día 1 de febreiro na libraría Ler de Santa Comba (A Coruña), ás 20:00 horas.
Cultura destinará 300.000 euros para a catalogación universal da obra de Castelao
Salón do Libro de Pontevedra
Consultade aquí o programa do Salón do Libro de Pontevedra.
Inauguración da exposición ART-NATURA na Coruña
A exposición Art Natura, na que participan máis de 140 artistas e escritores galegos coa temática da defensa do medio natural, inagúrase este xoves 24 ás 20:00 horas no Edificio do Palexco, na Coruña. Poderase visitar entre os días 24 de xaneiro e 14 de febreiro. Á inauguración da exposición asistirán membros de ADEGA, da corporación municipal do Concello da Coruña e artistas participantes. A mostra realízase coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello da Coruña e as consellerías de Cultura e Medio Ambiente. (ADEGA)
Entre as plumas figuran: Marilar Aleixandre, Glauco Antonio Amigo, Rosa Aneiros, Xurxo Borrazás, Darío Xohán Cabana, Fernando Cabeza, Francisco Castro, Olalla Cociña, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Xoán Carlos Domínguez, Rosa Enríquez, Lobato, Yolanda López, Xulio Valcárcel, Ramón Loureiro, Xosé Miranda, Teresa Moure, Xesús Pereiras, Vicente Piñeiro, Xesús Rábade, Henrique Rabuñal, Daniel Salgado, Xavier Seoane, Xosé Vázquez Pintor, Miro Villar, Helena Villar e Alfredo Ferreiro.
Presentación en Rianxo de Mentres a herba medra, de Xesús Rábade Paredes
O venres 25 de xaneiro, ás 20:30 horas no Casa de Cultura “Cuartel Vello” de Rianxo, terá lugar a presentación do último Premio Blanco Amor de novela Mentres a herba medra, do escritor Xesús Rábade Paredes. O acto contará coa participación de Pedro Piñeiro (alcalde de Rianxo), o académico e escritor Xosé Luís Axeitos Agrelo, F. R. Lavandeira (escritor e membro de Barbantia) e mais o autor.
“Os libros de mañá. Novas tecnoloxías e novas linguaxes”, tema a tratar en Vigo por especialistas da letra dixital
Editorial Galaxia anuncia a derradeira mesa redonda do ciclo “As caras do libro”, dedicada a “Os libros de mañá. Novas tecnoloxías e novas linguaxes”. Participarán Óscar Sánchez (físico e autor do blog Días estranhos), Francisco Castro (escritor e autor do blog A canción do náufrago), Rosa Aneiros (escritora e xornalista dixital), María Yánez (xornalista dixital), e Manolo Gago (director de culturagalega.org) como moderador. Será o mércores 23 de xaneiro, ás 19:30 horas, no Auditorio da Fundación Caixa Galicia (Policarpo Sanz, 21, Vigo).
Presentación en Ferrol de Palabras contadas, de Patricia Casas Vázquez
O próximo día 24 de xaneiro, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación do libro da Editorial Biblos Teselas de cidade, de Patricia Casas Vázquez, gañadora do III Premio Biblos-Pazos de Galicia. Será na Galería Sargadelos de Ferrol e participarán na presentación, ademais da autora, Tucho Calvo e Iria López.