A memoria que reconstrúe un mundo, de Yanelis Velazco Fajardo, sobre a obra de Xosé Vázquez Pintor

A memoria que reconstrúe un mundo é o título do libro da profesora de Crítica Literaria na Facultade de Artes e Letras na Universidade da Habana, Yanelis Velazco Fajardo, que fora presentado na Feira Internacional do Libro da capital de Cuba no pasado mes de febreiro. Publicábase así a súa tese sobre unha parte da obra poética do escritor galego Xosé Vázquez Pintor. Este xoves, aproveitando a súa segunda visita a Galicia, a autora compartirá o convívio, coa palabra e obra que nos representa, con Felipe Senén e Xosé Vázquez Pintor. Será unha viaxe pola Literatura de noso, de Cuba a Galicia e viceversa. E tamén unha achega de actualidade á obra do escritor de Melide, que fora honrado no pasado mes de xuño coa Letra E da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Yanelis Velazco Fajardo (Matanzas-1976) colabora en revistas especializadas de Ensaio e Literatura, como “La jiribilla”, “ La letra del escriba” e “ La siempreviva”, onde no seu último número aparece un estudo sobre a novela “Para dicir abril”, editada por Sotelo Blanco e co patrocinio da Fundación Vicente Risco.

Será o día 17 de xullo nas Portas Ártabras-espazo de Cultura de Amigos dos Museos de Galicia (Rúa Sinagoga, 22 – detrás da Colexiata na Cidade Vella da Coruña), ás 20:00.

“Unha noite na biblioteca” de Gondomar

«O vindeiro sábado 21 de xuño celebraremos unha experiencia innovadora e atrevida no ámbito do fomento da lectura: unha noite na biblioteca, organizado por Espazo Lectura coa colaboración do Concello de Gondomar. O programa […] consta de dúas partes. A primeira é para nenos e nenas de todas as idades e a asistencia é totalmente libre e celebrarase no exterior, na Praza de Portugal, diante da Biblioteca. A segunda parte do programa celebrarase na biblioteca e é necesario inscribirse. Hai 25 prazas e daráselle preferencia aos nenos e nenas que participaron ao longo do curso nas nosas actividades de fomento da lectura (Contomar ou Lendo Contigo). Estamos seguros de que será unha fermosa e intensa noite de pixamas na biblioteca. […]» (Espazo Lectura)

Spela Trobec e Luis Rapela na Galería Sargadelos de Ferrol

O martes 3, a partir das 11:00, e dentro da campaña “Educar para ler”, que se vén desenvolvendo desde o pasado mes de outubro, Spela Trobec e Luis Rapela traballarán cos rapaces arredor do libro De que cor es ti? (Embora). Remata así a campaña, da que a Galería Sargadelos Ferrol agradece a asistencia, interese e participación.

Presentación en Ferrol do libro de Ceferino Díaz A esforzada conquista da autonomía. 1979-1981

O xoves 22 ás 20:00 a Galería Sargadelos Ferrol e a A. C. Fuco Buxán organizan a presentación do libro de Ceferino Díaz A esforzada conquista da autonomía. 1979-1981 (Galaxia). No acto intervirán o autor do libro, Ceferino Díaz, e Manuel Cendán. (Galería Sargadelos de Ferrol)

Actos da Galería Sargadelos de Ferrol para esta semana

O martes 13 ás 20:00, organizada pola Mesa pola normalización lingüística, terá lugar a charla do profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato, sobre a situación actual da lengua galega, eivas e potencialidades: Propostas de cara á normalización.
O mércores 14 ás 20:00 terá lugar a presentación do libro Obra Dramática Completa de Jenaro Marinhas del Valle, editado por Espiral Maior. Participarán o deputado e Profesor Pablo González Mariñas, quen ademais é sobrino do autor, e experto no teatro do seu tío; Lino Braxe, que é un dos compiladores, xunto con Alexandrina Fernández Otero, da obra completa de Jenaro Marinhas del Valle; Rebeca Montero, actriz e Miguel Ladrón de Guevara, guitarrista. No acto abordarase o contido do libro, pois trátase dunha aportación moi singular á nosa dramaturxia. Máis de trinta obras, entre elas cinco inéditas, recóllense no presente volume. Tamén se explorará a variada temática do teatro de Marinhas e as influencias que nel se dan. Rebeca Montero recitará algún poema de Marinhas e Miguel Ladrón de Guevara acompañará á actriz cos acentos flamencos da súa guitarra.
Os días xoves 15 e venres 16, de 20:00 a 21:00, diversos escritores de Ferrolterra farán unha lectura da obra do escritor Xosé M. Álvarez Blázquez.
Así mesmo, o venres 16 farase público o fallo do xurado do II Concurso de Marcapáxinas Día das Letras Galegas.