Presentación en Ourense d’ “Os escritores galegos ante a guerra civil española”, de Xesús Alonso Montero

O xoves día 28 de xuño, ás 20:15 horas no Salón Nobre do Liceo de Ourense, terá lugar o acto de presentación do libro Os escritores galegos ante a guerra civil española, de Xesús Alonso Montero. Intervirán no acto Marcos Valcárcel e o autor. (Liceo de Ourense)

XXXIIIª Feira do libro de Vigo

Do 29 de xuño ao 7 de xullo de 2007, nos xardíns da Praza de Compostela, desenvolveranse diversas actividades creativas no contexto da XXXIIIª Feira do libro de Vigo. Os que acudan poderán “participar nos obradoiros de creatividade (ilustración, escrita, artesanía do libro). Palabras, imaxes, libros con vida propia, todo un imaxinario para descubrir.”
.

Preséntase en Betanzos “Trinta e dous dentes”, de Xavier López López

O venres 29 de xuño, ás 21:00 horas na Sala Azul do edificio Liceo en Betanzos terá lugar a presentación de Trinta e dous dentes, de Xavier López López, libro finalista do Premio Torrente Ballester 2006.O acto contará coa participación de Gabriela Rodríguez s(ecretaria da A. C. Eira Vella), Carlos Lema (director de edicións de Editorial Galaxia), Rosa Aneiros (escritora) e o autor.

Gadis repartirá 8.000 exemplares d’ «O xabaril branco», de Tucho Calvo

“Gadis repartirá entre os seus clientes oito mil exemplares da novela xuvenil O xabaril branco, unha historia escrita por Tucho Calvo e ilustrada por Miguelanxo Prado. Nos establecementos que a cadea de alimentación ten en León distribuirase a tradución ao castelán do libro. Gadis quere así fomentar a lectura entre os máis novos, e regalará o libro a todos aqueles que fagan unha compra superior aos 30 euros ata que se acaben as existencias da novela.” (La Voz de Galicia)

Lois Diéguez presenta en Sarria “O canto do muecín”

O escritor Lois Diéguez presenta o día 22 xuño (venres) ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria, O canto do muecín, a súa última novela (A Nosa Terra). Na presentación o autor fará un itinerario por distintos textos da novela a través de imaxes, música e lecturas nunha montaxe do grupo poético Círculos Líticos; contará coa participación da presidenta da A. C.Peleriños Milagros Núñez e os escritores, profesores e profesoras, e técnicos de imaxe: Isidro Novo, Antón Fortes, Mario Núñez, Divina Fernández e Camilo Santos. Desde as 18:30 horas o autor estará na Casa da Cultura para a asinatura de libros.

Presentación en Compostela do nº 1 da revista “Roteiros. Arumes de pensamento crítico”

A presentación do Nº 1 da revista Roteiros. Arumes de pensamento crítico terá lugar na Galería Sargadelos de Compostela (Rúa Nova, 16) o xoves 21 de xuño ás 20:00 horas. No acto intervirán os membros do Comité de redacción da revista Isidro García Tato e Moisés Lozano Paz. Está organizada por 3C3 Editores e Asociación Cultural de Pensamento Filosófico.